O Concello de Bóveda entrega camisolas lila aos dous clubes locais en vésperas do 8M

La Voz MONFORTE / LA VOZ

BÓVEDA

Os xogadores do Bóveda e o Rubián xogarán con elas os seus próximos partidos

02 mar 2024 . Actualizado a las 16:07 h.

O Concello de Bóveda apoia a igualdade de xénero coa entrega de camisolas lila aos equipos de fútbol locais O alcalde e o concelleiro de Deportes fixéronlles entrega este venres das camisetas co lema «Sementando igualdade» á AD Bóveda e á SD Rubián, para que estes equipos as luzan nos seus próximos partidos.

O Concello de Bóveda quere facer visible deste xeito o seu compromiso coa igualdade de xénero e a loita contra a violencia machista. Para iso, o Goberno local puxo en marcha a campaña ‘Sementando igualdade', que nesta ocasión se dirixe aos dous clubs de fútbol do municipio: o AD Bóveda e o SD Rubián.

O alcalde, José Manuel Arias, e o concelleiro de Deportes, Javier Domínguez, fixéronlles entrega onte das camisetas de cor lila co lema da campaña, que os equipos estrearán na vindeira xornada de liga. A acción está financiada polo Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero e pretende implicar ao deporte local na defensa dos dereitos das mulleres.

«Queremos que o deporte en Bóveda sexa un espazo de igualdade, respecto e convivencia, e por iso agradecemos a colaboración dos dous clubs con esta iniciativa», declarou o rexedor, que tamén destacou o traballo das Concellerías de Cultura e de Deportes para organizar esta e outras actividades no marco do Día Internacional da Muller, que se celebra o 8 de marzo.

Entre as actividades programadas polo Concello de Bóveda para conmemorar esta data, destacan un curso de autodefensa persoal para mulleres ante situacións violentas, que se impartirá o 23 de marzo, e un obradoiro de fíos, a cargo de Lorena Quintáns, que terá lugar o propio 8 de marzo. Ademais, haberá exposicións bibliográficas e de artesanías, así como obradoiros e actividades na ocioteca, todo baixo o lema da igualdade.