Neve e flores: inverno e primavera xuntas por uns días na Serra do Courel

Carlos Cortés
Carlos Cortés MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

O tempo destes días deixa paisaxes pouco comúns en lugares como o do ascenso ao monte Penaboa

01 may 2024 . Actualizado a las 19:26 h.

Este frío e húmido primeiro terzo da primavera está deixando imaxes especialmente bonitas nas montañas orientais de Galicia. Na Serra do Courel as flores das carqueixas tinguen de amarelo as ladeiras, as árbores poñen un ton verde intenso e todas esas cores mestúranse nos altos coa neve que se resiste a marchar. O prognóstico do tempo para os próximos días aínda anuncia máis nevaradas por riba dos 1.000 metros así que aínda hai tempo para gozar destas paisaxes.

Como a gozaron esta fin de semana os participantes nunha andaina polo monte Penaboa, organizada pola empresa de guías de montaña Coureleando.

Con 1.450 metros de altura, Penaboa, é un dos cumios máis altos do Courel e os participantes nesta ruta foron subindo entre flores. Despois de pasar a cota dos 1.000 metros comezan a aparecer manchas brancas da neve dos últimos días, que se van facendo máis frecuentes ata cubrilo todo por completo nas partes máis altas.

 A ruta que escolleron é o quilómetro vertical aberto a finais do 2013, a única sendeirismo de Galicia que inclúe mil metros de ascensión practicamente vertical e que remata no Pia Paxaro despois de pasar por Penaboa. A ruta sae da aldea de Ferreirós, a 550 metros de altitude, e remata no cimo do Pia Paxaro, a 1.613.

Facer este percorrido neste momento resulta especialmente agradecido pola colorida paisaxe ao mesmo tempo nevada e primaveral, pero tamén por outras razóns. Esta ladeira do monte Penaboa ardeu por completo no gran incendio de xullo do 2022. Pasados 21 meses daquilo, este terreo parece xa completamente recuperado.

«Ardera todo»

Guillermo Díaz Aira, o guía de Coureleando que fixo a ruta esta fin de semana, confirma que esta segunda primavera despois daquel incendio parece a da recuperación definitiva. «Esta subida ardera toda, pero como non meteron maquinaria no monte rexenerou só e está así de bonito».

Polo que el ve cada vez que sobe por esta ruta, «o monte baixo xa recuperou todo e as caducifolias están moi verdes, como se ve nas fotos».