Por que non hai diñeiro en Pantón?

Rosana Prieto Florines BNG PANTÓN

LEMOS

14 abr 2024 . Actualizado a las 13:41 h.

AA xestión económica dos municipios non é doada, sobre todo pola súa limitada capacidade recadadora e tamén porque ademais se ven obrigados a asumir competencias doutras administracións, caso dos Servizos Sociais.

En Pantón, na campaña das eleccións municipais do 2023 os orzamentos dese ano xa estaban gastados en «obras» detrás das que hai unha listaxe de autónomos sen cobrar. Foron o soporte económico dunha xestión nefasta que ten como resultado un concello endebedado e sen servizos. O goberno municipal gastou daquela un remanente de 3,7 millóns de euros que nos cobrara no catastro e que non puidera gastar antes pola lei da regra de gasto. Pero a iso hai que lle engadir os fondos aportados por outras administracións, co que entre os 2021 e 2023 o gasto do noso concello supera os 18 millóns de euros.

Calquera diría que hai auga e saneamento en todos os núcleos. Nada máis lonxe da realidade. Gastouse tanto que podíamos ter servizos, pero non os temos.,Entón onde foi ese diñeiro? Como é posible que con esa situación financeira existan dúas persoas do goberno liberadas que cobran nómina do concello, e que as asistencias ás xuntas de goberno Local sexan 450 euros por sesión e aos plenos 90 euros? Como é posible que non se asuma ningún tipo de responsabilidade política, e se culpe á subida do salario mínimo e ao plantel de persoal municipal da falta de cartos no concello?

Como é posible que se lle chore a unha auxiliar do SAF un cuarto de hora que supón entre 1 e 2,8 euros ao mes e no equipo de goberno cobren por cinco minutos de xunta 450 euros ou un salario?

Compráronse solares en Ferreira para ceder a terceiros por un importes inmorais. Destes, só se cedeu un á Fundación relixiosa San Rosendo para que no Primeiro Trimestre de 2024 estivese «xa avanzada a cousa» en palabras do noso rexedor. Chegado abril están os solares no mesmo estado, criando herbas e a veciñanza vemos enterros de quen a soñou e xa non a verá. O certo é que se complican as cousas en Pantón porque non é o mesmo xestionar bens que miseria, nin cartos que débedas.

Desde o BNG temos a man tendida ao goberno municipal para que se lle pague a quen fixo o traballo. Pero cómpre saber como se van mellorar as contas, porque aquilo de reducir gasto non lle encaixa a un goberno municipal cuxas cabezas —a alcaldía e a tres tenencias de alcaldía— cobrarán este 2024 cara aos 90.000 euros que saen das arcas do concello, e que superan con moito o SMI, ese mesmo salario mínimo ao que non chegaba a maioría do plantel municipal.