Daqueles polbos... A ocasión perdida dos nosos viños

Andrés Pavón

LEMOS

Feira en Ferreira de Pantón o día de Aninovo
Feira en Ferreira de Pantón o día de Aninovo CARLOS CORTÉS

06 abr 2024 . Actualizado a las 16:51 h.

En xullo de 2021, durante a presentación do seu libro Ribeira Sacra. Origen y evolución de la Denominación de Calidad, José Mouriño Cuba explicaba os primeiros pasos que se deron para que hoxe poidamos contar cunha denominación de orixe para os viños desta terra onde conflúen o Sil e o Miño. Naquel acto, organizado pola Irmandade Cultural País do Faro, Mouriño contou cal era o punto de partida e cales eran as expectativas cando se puxo en marcha o proxecto. E, por suposto, fixo unha valoración do acadado ata ese momento. Dita valoración foi positiva e mesmo sinalou que se superaran os obxectivos iniciais.

Non obstante, o propio autor recoñecía que unha das ideas que tiña no seu plan inicial non puidera materializarse por diferentes motivos, pero que aínda se estaba a tempo de levala adiante. Referíase a vencellar o consumo de viño da Ribeira Sacra coa degustación do polbo á feira. Nun primeiro momento, Mouriño pensaba no binomio mencía-polbo xa que nos anos 90 a caste mencía pasou a ser a de máis presenza nos viñedos. Aínda hoxe é a maioritaria cun 79% da produción de castes tintas que, á súa vez, abranguen o 86% do total. Esa idea inicial deu paso a un posible «matrimonio» entre os tintos da Ribeira Sacra —e non só o mencía— e o polbo. No fondo, tratábase de emular a exitosa fórmula que dende hai 50 anos leva unindo o albariño co marisco. Mais non por xa utilizada a fórmula ten por que fallar.

No seu libro La cocina gallega en España, Xavier Costa Clavell xa deixa claro que a mellor maneira de degustar o polbo é acompañándoo dalgún tinto do ano da Ribeira Sacra. E non só nesa obra. Tamén en moitos artigos en prensa deixou escrito o pracer que supoñía gozar de ambos produtos nas tabernas e casas de comida de Chantada. Non tiña mal ollo o amigo Costa Clavell para a gastronomía. Nas sucesivas feiras do viño que teñen lugar na Ribeira Sacra luguesa é fácil comprobar como os polbeiros traballan case de xeito ininterrompido dende primeira hora da mañá ata ben entrada a madrugada. Non se sabe se o viño tira do polbo ou o polbo do viño. Pero as cifras sinalan que a parella é perfecta. Por non falar de todos os negocios de hostalería e particulares da cidade de Lugo —a meca do polbo— que acoden todos os anos comprar, ou viño feito ou uvas para facelo, aos particulares dos concellos ribeiraos.

Nun momento en que a caída do consumo de viño tinto en todo o mundo comeza a ser alarmante, cómpre buscar fórmulas para reverter esa situación. Especialmente nestas zonas onde é a produción maioritaria e onde, ademais, se ve penalizado por ser un viño novo que na inmensa maioría de adegas non pasa por barrica. Tempo haberá para analizar por que meter o viño en carballo ten que ser necesariamente mellor que deixalo puro. Pero ese é outro debate e vaiamos ao inmediato.

Asociar o viño tinto do ano da Ribeira Sacra co polbo non supón baixo ningún concepto afastalo doutro tipo de maridaxes. Por exemplo, a denominación de orixe Rías Baixas produce anualmente uns 28 millóns de litros de viño e é evidente que unha enorme cantidade non se consume só con marisco. A cuestión é conseguir introducir no imaxinario colectivo que o Ribeira Sacra é o acompañante perfecto para o polbo. Porque o é. O consello regulador dispón de suficientes recursos económicos e humanos para, se o considera, afondar nese binomio. E tamén os concellos e outros entes públicos e privados. En toda a súa carreira —e podemos preguntar dende Lourenzá ata Carballedo— Mouriño Cuba rara vez se equivocou nas súas propostas.

Tampouco parece este o caso.