Antonio Paz, investigador: «Chantada foi a sede do agrarismo na provincia de Lugo»

Francisco Albo
FRANCISCO ALBO CHANTADA / LA VOZ

LEMOS

Antonio Paz (á esquerda) recibiu o premio Condado de Pallares de mans do alcalde Manuel Varela
Antonio Paz (á esquerda) recibiu o premio Condado de Pallares de mans do alcalde Manuel Varela CONCELLO DE CHANTADA

Paz é autor dun estudo sobre a historia deste movemento na comarca que recibiu o premio de investigación Condado de Pallares

06 dic 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Antonio Paz Vázquez gañou a última edición do premio de investigación histórica Condado de Pallares cun estudo sobre a presenza do movemento agrarista galego na comarca de Chantada. O pasado día 1 recolleu o galardón de mans do alcalde Manuel Varela nun acto celebrado na casa consistorial chantadina.

—Que papel desempeñou a comarca de Chantada na historia do agrarismo en Galicia?

—Chantada foi un pouco como a sede do agrarismo na provincia de Lugo. Este movemento, que tiña como principal obxectivo a abolición dos foros agrarios, comezou na provincia de Pontevedra e despois estendeuse ao resto de Galicia. A primeira das chamadas «sociedades de resistencia» do agrarismo que se fundou na provincia de Lugo foi a de Chantada, creada en 1900. Nas seguintes décadas houbo na comarca moitas organizacións agraristas, mobilizacións, mitins, publicacións....

—Antes do seu traballo publicouse algún outro estudo sobre este movemento na comarca?

—A pesar da súa importancia, a historia comarcal deste movemento non foi estudada ata agora e por iso emprendín este traballo, que foi moi arduo e levoume anos de investigación. Penso que a actividade do movemento agrarista na comarca de Chantada non só é moi importante para a historia local, senón para a historia contemporánea de Galicia en xeral.

—Que eran as «sociedades de resistencia»?

—É así como se coñecían as primeiras agrupacións do agrarismo, que comezaron a aparecer en 1896. Nas primeiras décadas deste movemento houbo dous tipos de organizacións. Primeiro xurdiron as «sociedades de resistencia» e despois os sindicatos agrarios católicos, máis confesionais e algo máis moderados. Entre sociedades e sindicatos, na comarca chantadina chegou a haber corenta organizacións agraristas. Trinta delas estaban no municipio de Chantada, en Taboada houbo cinco en Carballedo outras cinco.

—Que peso tiñan os foros agrarios na sociedade rural da comarca?

—Os foros, que tiñan as súas raíces na época medieval, eran un tributo que debían pagar os campesiños aos que posuían a propiedade directa das terras que eles traballaban, é dicir, a nobreza, o clero e nos últimos tempos sobre todo a fidalguía rural. Esas rendas detraíanse das colleitas. Na comarca de Chantada, os foros pagábanse principalmente cos beneficios que proporcionaban as colleitas de centeo e de viño. O obxectivo do movemento agrarista era conseguir a redención dos foros, ou sexa, a súa abolición, e a propiedade plena das terras por parte dos campesiños.

—Cando se conseguiron eses obxectivos?

—A redención dos foros fíxose efectiva en todas partes cun decreto lei que foi aprobado en 1926, durante a ditadura de Primo de Rivera, e que fixou os prezos que debían pagar os campesiños para facerse coa propiedade plena das terras. A comarca de Chantada presenta unha particularidade importante e é que neste territorio negociouse a compra das terras antes que noutros lugares, a principios da década de 1920, e ademais a uns prezos máis baixos que os que fixou despois o decreto lei de 1926. Iso foi grazas á presión que exerceu o movemento agrarista sobre os antigos propietarios. Non hai dúbida de que as organizacións agraristas fixeron nesta comarca un traballo moi eficaz para mellorar as condicións de vida dos campesiños.

—Que fontes documentais consultou para realizar este estudo?

—Houbo moita documentación que desapareceu, porque as sociedades agraristas pasaron por épocas complicadas na ditadura de Primo de Rivera e a raíz do golpe de Estado de 1936. A represión franquista tamén perseguiu aos dirixentes das sociedades agraristas. A pesar disto conservouse bastante documentación que puiden estudar nos arquivos históricos das provincias de Lugo e Ourense, no de Galicia —que está na Coruña— e na Biblioteca Nacional de España. Unha fonte importante de información foron os semanarios locais que se publicaron durante esas décadas na comarca de Chantada.