«Memoria do souto», un documental feito por alumnos do Courel

Francisco Albo
francisco albo QUIROGA / LA VOZ

A CORUÑA CIUDAD

O sábado presentarase un proxecto realizado no colexio Uxío Novoneyra

04 dic 2014 . Actualizado a las 07:54 h.

Na casa consistorial de Folgoso do Courel -ás 180 horas- presentarase o documental Memoria do souto, realizado por alumnos de ESO do colexio público Poeta Uxío Novoneyra dentro dun proxecto apoiado polo Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI) e o plan Proxecta da Consellería de Educación. O filme recrea a cultura tradicional das localidades da serra relacionado cos bosques de castiñeiros e conta coa participación de varias mulleres maiores, avoas dalgúns dos rapaces que tomaron parte na realización.

A filmación deste documental encádrase nun proxecto pedagóxico e cinematográfico denominado Cinema en Curso, surxido inicialmente en Cataluña, que en Galicia é apoioado polo CGAI. O traballo desenvolveuse ao longo de todo o pasado curso e foi coordinado polos profesores Pablo Sánchez Corral -de educación plástica- e Lourdes González -de ciencias naturais-, aínda que tamén contou coa colaboración doutros docentes e da dirección do centro.

Formación na Coruña

Durante este tempo, alumnos e profesores recibiron formación técnica sobre como realizar filmes documentais. Esta parte do proceso comprendeu unha xornada na sede do CGAI na Coruña. A realización do filme foi precedida por unha serie de práticas que consistiron en boa parte na realización dalgúns vídeos sinxelos e de curta duración que xiran sobre a mesma temática que o documental. Un destes traballos, titulado Verbas do souto, foi editado no portal YouTube e montouse con fotos fixas e gravacións de voces de veciños da serra que falan sobre o vocabulario tradicional relacionado co cultivo dos castiñeiros e a recollida das castañas. Posteriormente, os alumnos foron exercitándose no manexo das cámaras.

Os rapaces que participaron na realización do documental aínda non puideron ver a obra terminada, algo que poderán facer por primeira vez o sábado, nunha proxección pública á que poderán asistir tamén todas as persoas interesadas. «A experiencia completarase ao ver o resultado do traballo realizado durante estes meses», sinala a este respecto Pablo Sánchez, que se encargou de rematar a edición do filme. O traballo ten unha duración de en torno a corenta minutos, un formato habitual nos documentais televisivos.

De momento non están previstas outras presentacións públicas do documental, pero Memoria do souto aparecerá en breve prazo en Internet. Sánchez apunta que o filme será editado no portal Vimeo e poderá verse posiblemente a partir da semana próxima.