Manuel Liñeiro: «Son un velliño que non ten queixa»

GALICIA

XESUS BUA

O cura de Muxía lembra cando plantou en Galicia os primeiros kiwis

25 abr 2024 . Actualizado a las 20:01 h.

Dentro de dúas semanas o cura muxián Manuel Liñeiro Lema cumprirá os 91 anos e vaino facer coma sempre, con misa diaria nas parroquias que atende e o sábado e o domingo no santuario de Nosa Señora da Virxe da Barca, que co desastroso incendio sufrido o día de Nadal de fai agora seis anos marcou esta longa recta final do seu sacerdocio.

-Cando foi a última vez que foi ao médico?

-Ao médico? Ah! fun en xullo á revisión do marcapasos, porque está todo ben, pero como xa hai moitos anos que mo puxeron dixéronme que era ben que o revise cada medio ano. Pero atópome ben, son un velliño pero non teño queixa. O peor é a voz. Dinme que beba moito e fale pouco e eu fago xusto ao revés.

-E iso?

-Polo incendio, debín de tragar moito fume. Fun a unha chea de otorrinos e ningún me atopou nada. O último díxome se algunha vez estivera a punto de afogar, así que debeu de ser diso. Mira como será, que ao confesionario quitámoslle os panos que tiña, vernizouse e todo e aínda hoxe cheira a fume.

-Vaille dar tempo a ver o retablo novo antes de xubilarse?

-Quería, a ver se para o verán, aínda que coma o outro, o que destruíu o lume. Aquela madeira era un bordado e hoxe o ouro disparouse a man de obra tamén está polas nubes. Ademais as paredes, que teñen dous metros de gordo, non paran de botar auga. Xa non é a que tiñan, senón que a seguen collendo. Co que sopra aquí o vendaval e máis o salitre había que volver a repicar o encintado todo e, segundo me dixo un técnico, abrir algún oco na parede para ventilar. As obras nunca se acaban, comen seguido.

-Xa deixa atrás un bo camiño percorrido? Poucos poderán dicir o mesmo que vostede?

-Son moitos anos, moitas cousas. Falta a memoria, falta a vista, falta axilidade... Dos compañeiros do seminario quedamos tres. Os outros dous un está en Lousame e o outro en Pontevedra. Despois hai outros dous xubilados e os demais foron morrendo todos.

-Pero vostede xa tiña unha traxectoria longa antes de volver a Muxía.

-Si, para aquí vin en marzo do 84. Comecei noutro santuario, no de San Campio, en San Ourente de Entines e despois estiven en Santa María de Roo, a Ponte de don Alonso cara a Noia, sabes? A metade era de Cando (Outes) e chegaba ata San Paio. Fun o primeiro capelán de Fenosa, da central, e estiven durante 27 anos. Incluso unha vez, como era o arcipreste, mandáronme a Tállara, porque por un problema co cemiterio quixeran matar o cura, prendéranlle lume ao coche e todo e mandáronme a mi, e a verdade é que moi ben, atopeime unha xente estupenda.

-Había que facer de algo máis que de cura, non?

-Buff, si. Daquela en Santa María de Roo xa facían sidra de mazá e, co axente forestal, comezamos coa fruticultura. Seguramente moita xente non o saiba pero introducimos o kiwi en Galicia con tres plantas, dúas femias e un macho que trouxemos de Francia. Daquela non se comían, a xente non os quería. Mesmo puxen un invernadoiro no igrexario e dicían: «O cura está tolo, unha leira tan boa como é e tápaa cun plástico». Aínda para máis, veu un temporal e arrincou con todo. Menos mal que o xefe dixo: «Do meu capelán non se ri ninguén» e mandou aos obreiros, que daquela había albaneis, carpinteiros, soldadores... de todo. E fixeron un xa con arcos metálicos de ferro galvanizado. Tamén daba clases de luns a venres. Aínda o ano pasado me atopei cunha muller en Vimianzo, que me preguntou se non me acordaba dela, e a verdade é que non. Era a muller do alcalde que agora é medico e máis deportista, gaña todas as carreiras. Pois resulta que lle dera eu clase cando era nena.

-Conserva aínda trato coa xente desa zona?

-Si, claro. Tamén estiven en Santa Cristina de Barro e despois meus pais xa eran anciáns de foi cando vin para Muxía, porque eu son de Moraime, aínda teño alí unhas árbores froiteiras na casa que lle tocou a miña irmán e fun este día cun home limpalos. Pero si que me lembro moito porque era xente moi bondadosa. Santa Cristina tiña 9.000 habitantes, que despois sacáronlle 5.000 que pasaron a Noia. Había 30 mestres e catro escolas, incluso cinco médicos. Noia sempre foi señorial. Tés tres ou catro autobuses ao día para ir a onde queiras. E aquí estamos nun curruncho, aínda que agora vén a vernos moita xente. A Barca a partir de maio e un non parar. Hai días que non xanto ata as catro da tarde. E agora co Parador penso que aínda que nos vai vir máis. A ver cando o abren que eu xa teño tres invitacións para ir comer alí.