O CDG cumpre 40 anos enrolándose nun «talent show»

FUGAS

Montaxe do 40 aniversario do CDG, «Os actos e as profecías»
Montaxe do 40 aniversario do CDG, «Os actos e as profecías» XOAN A. SOLER

A compañía pública galega festexa o 40.º aniversario con «Os actos e as profecías» como montaxe central e nela reúne a un elenco de vinte artistas ata o 26 de maio no Salón Teatro de Santiago

12 abr 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Dúas irmás. Unha delas entra nun talent show televisivo. Pouco despois, a outra tamén é invitada a participar. Ese é o punto de partida de Os actos e as profecías, a montaxe central do Centro Dramático Galego (CDG) para conmemorar os seus 40 anos de traxectoria. Unha proposta que busca ser especial, non só polo amplo elenco que se subirá ás táboas na súa sede en Santiago, xa que é dos máis grandes da traxectoria da compañía pública ao reunir a unha vintena de intérpretes, senón pola experiencia que vai vivir o espectador nesa caixa negra na que se transforma o Salón Teatro ata o vindeiro 26 de maio.

«É unha montaxe pensada para poñer o público no centro. E isto facémolo de varios xeitos. Un deles, situándoo no centro do espazo do Salón Teatro de forma que os asistentes teñan actores e actrices por todas as partes», explica Tamara Canosa, que se encarga de dirixir esta proposta. Tamén nese obxectivo vai incidir a visión do teatro como algo único, que non se repite. «A peza conta con escenas que non son iguais sempre, abertas á improvisación. Ese é un xeito de homenaxear ao público, porque vai sentir que está vivindo algo único cada vez», engade, apuntando que todo o espectáculo foi concibido para que sexa «todo moi especial, como require unha peza de aniversario, e tamén moi sensorial».

Montaxe do 40 aniversario do CDG, «Os actos e as profecías»
Montaxe do 40 aniversario do CDG, «Os actos e as profecías» XOAN A. SOLER

Por que botar man do universo dos talent shows? «Porque aquí tratábase de falar do teatro pero non só del, polo tanto queríamos facelo desde un lugar que puidera chegar a todo o mundo, que non fose unha peza só para actores e actrices e xente das artes escénicas. Este tipo de programas televisivos parecíannos un lugar moi axeitado porque falan de aspiracións, dos soños, do que deixamos atrás, do que abandonamos por iso que se supón que é o éxito. Ás veces, esquecemos un pouco as cousas importantes por aspiracións», responde Tamara Canosa, que tamén se encargou da dramaturxia da peza xunto a Xacio Baño. Para ela tomaron como punto de partida os vagalumes, a súa luminosidade, para referirse a esa «necesidade de brillar para existir».

Deste xeito, Os actos e as profecías aborda cuestións como o lugar do público na creación, a fama, a competición e as decisións vitais marcadas pola procura do éxito. Todo para reflectir a dicotomía entre a vida e os soños, entre o desexado e o presente. Os encargados de darlle vida aos protagonistas deste particular talent show son Sergio Abelaira, Marta Alonso Tejada, Mónica Camaño, Miguel Canalejo, Isolda Comesaña, Manuel Cortés, Antón Coucheiro Cou, Iván Davila, Raquel Espada, Xosé Manuel Esperante, Alba Fernández Cotelo, Sara Ferro, Atenea García, Miguel Gendre, Raquel Nogueira Watson, Alba Recondo, Ana Santos Maneiro, Lois Soaxe, Jorge Varandela e Antía Vidal. Estiveron traballando durante dous meses. Empezaron en decembro cun encontro durante dúas semanas a modo de laboratorio, e despois nas últimas seis semanas xa levaron a cabo os ensaios. «Ser vinte persoas permíteme poñer en práctica todo o que imaxinara», resalta Tamara Canosa.

Montaxe do 40 aniversario do CDG, «Os actos e as profecías»
Montaxe do 40 aniversario do CDG, «Os actos e as profecías» XOAN A. SOLER

Un elenco no que hai representación de intérpretes das distintas xeracións. «Aquí temos a actores e actrices que xa participaron nas primeiras producións do CDG xunto a outros que é a primeira vez e que saíron hai pouco da escola», detalla Fran Núñez, o director da compañía pública do teatro galego, que explica que esta montaxe «non é tanto unha retrospectiva do que foi o CDG, senón unha forma de homenaxear á profesión». Precisamente, nese carácter interxeracional do elenco tamén incidiron o actor Manuel Cortés e Raquel Espadas. «É un privilexio estar aquí porque non é doado atoparse con tanto talento xunto», afirmou o intérprete.

Na configuración desta especial caixa negra que se vai transformando no Salón Teatro e na que escintilan os vagalumes tamén traballaron José Faro, encargado do particular espazo escénico e que asina a iluminación xunto a Iván Núñez. Pola súa parte, Montse Piñeiro e Marta Ferreiro encargáronse do vestiario e caracterización; Rut Balbís, do traballo de movemento; Xosé Lois Romero, do espazo sonoro; e, finalmente, Laura Míguez foi a axudante de dirección. «É un espectáculo que vai sorprender porque é moi inmersivo, cunha configuración especial do espazo», resalta Fran Núñez.

programa de actividades paralelas

As funcións de Os actos e as profecías desenvolveranse ata o 26 de maio de mércores a domingo ás 18 horas, cun segundo pase ás 21 horas os venres e os sábados. As entradas están a venda en Ataquilla.com e tamén se poden adquirir na propia billetería do teatro desde dúas horas antes do inicio da función. Ademais, esta montaxe do CDG estará acompañada por un amplo programa de actividades paralelas para achegala ao maior número de persoas posibles, resaltou Fran Núñez. Destaca o proxecto Improversións, que en colaboración con The Momento Impro, propón improvisacións os días 8, 15 e 22 de maio con esta produción como referente. Tamén retomarán os domingos de conciliación e continuarán co proxecto de colaboración coa Universidade de Santiago.

Montaxe do 40 aniversario do CDG, «Os actos e as profecías»
Montaxe do 40 aniversario do CDG, «Os actos e as profecías» XOAN A. SOLER

Para facilitar o goce desta montaxe da compañía da Xunta, na que aposta pola dramaturxia actual e que forma parte do proxecto europeo Phone para visibilizar as linguas minorizadas, tamén haberá un servizo de autobuses desde medio cento de concellos ata Santiago, resaltou o director da Agadic, Jacobo Sutil. «Animo a todos a acudir. Verán un espectáculo digno de facer o esforzo», sentenciou o representante da Xunta.