Lamazares, 50 anos de arte: do xogo cos materiais a inventar un alfabeto

M. G. iglesias

FUGAS

XOAN A. SOLER

O CGAC homenaxea a traxectoria artística do pintor lalinense cunha retrospectiva na que reúne 230 obras, que abraguen desde os seus inicios a principios dos 70 ata a actualidade

29 mar 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Antón Lamazares (Maceira, Lalín, 1954) tivo moi pronto claro por onde pasaba o seu futuro: «No ano 1977, decidín que ou vivía da pintura ou morría». E no Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) queda patente que a primeira parte foi a que trunfou despois de que a semente da creación artística comezara a prender neste lalinense tras coñecer uns anos antes, cando tiña 16-17 anos, ao tamén pintor Laxeiro e de facer unha viaxe para ver arte, onde quedou impresionado, entre outros, por obras de artistas como Van Gogh. O museo ofrece un percorrido por cinco décadas de traxectoria nunha mostra a modo de homenaxe artística a un pintor «único e icónico» e coa que se busca saldar unha débeda que «Galicia tiña pendente cun dos maiores xenios creativos dos séculos XX e XXI», tal e como o afirmou o conselleiro de Cultura en funcións, Román Rodríguez, na xornada inaugural.

Lamazares. Inda é día (1973-2023) ocupa a totalidade dos espazos de exhibición do edificio deseñado por Álvaro Siza, nos que reúne 230 obras. Deste xeito, a exposición permite ver a transformación que experimentou a súa técnica e a súa estética ao longo da súa traxectoria. Así atópanse desde eses «tanteos» iniciais cos materiais na primeira parte dos anos 70 ata a actualidade, onde o alfabeto Delfín, ese que o propio pintor lalinense inventou creando símbolos para cada letra e bautizou co nome do seu pai, se converte en protagonista da súa obra. Con el reproduciu na etapa máis recente poemas de San Juan de la Cruz e de Rosalía de Castro, Uxío Novoneyra ou Óscar Wilde. Porque na pintura de Lamazares —tamén poeta— a palabra sempre está dalgún xeito presente. «Eu quero traballar coa palabra desde o principio, pero o camiño é moi largo», afirma o propio artista lalinense no vídeo da mostra que complementa a obra pictórica e no que vai repasando minuciosamente xunto co comisario, António Gonçalves, estas cinco décadas. Unha peza que permite comprender aínda máis a obra e o universo creativo e vital do artista lalinense.

Desde a entrada ao CGAC, ao visitante agárdalle ata o 5 de maio un percorrido polo particular cromatismo da obra do lalinense. «Lamazares concede grande atención ao uso da cor, e este trazo é revelador dunha aguda sensibilidade cromática», escribe o comisario desta retrospectiva, na que se pode apreciar «a sensibilidade dun artista moi particular». O percorrido non está ordenado de xeito cronolóxico, aínda que as obras se van agrupando para permitir apreciar a evolución ao longo do tempo. Así, combínanse períodos de intensa cor con outros de monocromatismo. No soto do CGAC pódense atopar algunha das súas obras iniciais, como a peza Familia creada en Vilagarcía no ano 73 con técnica mixta e figuras. Deses primeiros momentos nos que empeza a traballar en Vilagarcía, Ferrol, París, Rubín (A Estrada) ou Madrid, destaca a experimentación cos materiais do artista, como unha obra na que emprega tecidos e distintos elementos directos sobre a base dunha cama, plásticos noutros casos e ata usa como base dunha peza un billete de tren. «Estou traballando con materiais recollidos porque non teño nin un can, pero tamén é onde encontro a miña maneira de contar», analiza o artista nese repaso á súa traxectoria da man do comisario. Neses momentos iniciais, tamén se pode atopar pintura con óleo sobre lenzo. «Empezo pintando sobre lenzo, con óleo, pero, pouco a pouco, doume conta de que teño que intentar estar na miña propia forma de facer», engade. Así, o cartón vai tomando protagonismo pouco a pouco, aínda que non é, nin moito menos, a súa única base de traballo, xa que tamén agroma con frecuencia a madeira.

Na retrospectiva pódense atopar obras de cada unha das series que foi tecendo Lamazares ao longo das cinco décadas. Por exemplo, da súa estancia en París vese o traballo sobre un papel máis fino. Da súa etapa en Salamanca, por exemplo, sobresaen os grandes formatos no que toma protagonismo o elemento porta. A explicación é doada, tal e como recoñece o propio Lamazares: «Son anos moi produtivos, eu teño un taller grande e ao lado hai unha concesión de portadas para toda Castela e León». Unha das pezas que reciben ao visitante no percorrido pola planta baixa é Domus omnia, datada en Berlín, e onde o pintor vai creando unha casa sobre cartón a través de máis dunha vintena de pezas. A primeira planta do CGAC agroma a toda cor con esas obras nas que o alfabeto Delfín se converte no protagonista. «Achegarse á obra de Lamazares é experimentar o silencio, formar parte dunha constelación marabillosa que nos depara estados de contemplación e intensifica o gozo», conclúe o comisario.

Actividades paralelas

Ademais da exposición, o CGAC organiza ligada á figura de Lamazares a proxección do filme Tan antiguo como errático, dirixido por Nayra e Javier Sanz Fuentes, no que o pintor lalinense se converte no fío condutor dunha análise sobre temas fundamentais da nosa cultura, como o tempo, a memoria, a morte, o progreso ou a espiritualidade. O último pase terá lugar o 25 de abril. Por outra banda, todos os domingos, ás 12 horas, hai a posibilidade de gozar dun percorrido guiado pola mostra da man de mediadores culturais. Todo iso para profundar aínda máis na obra deste artista que traballa coa palabra e que «trata de cantar á súa terra, de cantar aos nosos mortos e de deixar rastro deste tempo que nos tocou vivir», tal e como resume o propio Lamazares.