A primeira confidente de Rosalía

FUGAS

Pinto & Chinto

O mascarón de proa das nosas letras foi filla dunha «dulce madre», coa que tivo unha relación mellor da que se deu a entender. Este venres é o seu día, nunca lle diremos adeus!

23 feb 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

«Nascin cando as prantas nasen», escribía Rosalía de Castro en Cantares Gallegos, aínda que ela en realidade chegou ao mundo un 23 de febreiro de 1837, cando a invernía se deixaba acariñar pola inminente primavera. Como é ben sabido, era filla de solteira, un estigma que non lle impediu ter unha infancia feliz naquel matriarcado que conformaban a nai, as tías, María e María Josefa, e a tía avoa, Margarita. Pertencían a unha familia fidalga vida a menos, «Casa grande lle chamaban/ noutro tempo venturoso», pero cos suficientes recursos para que a pequena Rosalía estudase e gozase dunha boa formación.

María Teresa de Castro e Abadía contaba con trinta e tres anos cando tivo a cativa, daquela era unha idade serodia, e ademais nacía froito dunha relación clandestina, co sacerdote José Martínez Viojo. Esta última circunstancia motivou o traslado da nai a Conxo na recta final do seu embarazo e fixo que Rosalía nacese nunha casa do Camiño Novo, rúa que hoxe leva o seu nome. Tardaron uns meses en regresaren xuntas a Padrón e instaláronse coa criada e, á vez, madriña da pequena, nunha vivenda da rúa do Sol onde medrou feliz. Da súa veciñanza aprendeu o idioma que despois empregaría en parte da súa poesía, «Cantarte hei, Galicia/ na lengua gallega», tamén coplas e un sentir de pertenza a unha terra, a unha xente, a un pobo.

Actriz relevante e dramaturga

Conta Rosalía con catorce anos cando a nai decide que deben trasladarse a Compostela, quizais para abrirlle novos camiños á súa filla. Aquela rapaza inqueda axiña frecuenta os espazos artísticos da cidade e participa dunha maneira moi activa no Liceo de la Juventud, que se converte na universidade á que non podía acceder. Atopámola na Sección de Declamación como unha das actrices relevantes, así protagoniza en 1854 a obra Rosamunda. Ao tempo, escribe cando menos unha peza teatral que desafortunadamente non conservamos, pero que pon ás claras as súas inquedanzas artísticas que se completaban coa pintura ou a música.

Aqueles anos en Compostela servíronlle para trabar amizades fundamentais como a de Aurelio Aguirre ou Eduardo Pondal, asistentes ao Banquete de Conxo, que cun brinde en verso confirmaron publicamente, xunto a outros amigos, a súa ideoloxía progresista e galeguista. Moito se ten especulado sobre a presenza de Rosalía aquel 2 de marzo de 1856 naquela carballeira a carón do río Sar, pero non hai certezas ao respecto, como tampouco dúbidas sobre o seu mesmo compromiso. Por entón, ela estaría arrombando as cousas imprescindibles para a súa estadía en Madrid, pois nunhas semanas viaxaba coa nai á capital, eran oito días de esgotador camiño necesarios na busca do éxito. Para tranquilidade de Teresa, a filla instálase na casa da tía María de Castro e, co espelida e talentosa que era, non tarda en frecuentar os círculos literarios da época e axiña publica o poemario La flor (1857), do que Manuel Murguía fai a primeira crítica na prensa.

Rebelde de 20 anos

A parella contrae matrimonio en outubro de 1858, ano en que Rosalía publica Lieders, un artigo imprescindible que representa un canto de liberdade artística e unha reivindicación da muller e da escritora. Cumpría vinte e un anos sendo valente, comprometida, rebelde, segura das súas ideas e fiel aos seus compromisos; unha rapaza alegre que só un ano despois se convertería en nai por vez primeira.

Alejandra Teresa foi a primeira dos sete fillos en nacer, a avoa exerceu tamén de madriña e só se separou dela o día que faleceu de maneira repentina, en 1862. Rosalía quedaba orfa, sen nai, pero tamén sen unha amiga, sen unha confidente: «Yo tuve una dulce madre,/ concediéramela el cielo,/ más tierna que la ternura,/ más ángel que mi ángel bueno». Son versos do poemario A mi madre, dedicados á muller que lle deu a vida e que non renunciou a sacala adiante, a pesar do que dirán, da súa clase social ou da súa propia comodidade.

Aquela nena intelixente e sensible medrou coa súa afouteza e o seu agarimo, e quedar orfa foi «un terrible dolor». Teresa apoiáraa en todas as súas decisións, axudáralle a conciliar a vida familiar coa profesional e foi o seu exemplo para criar a súa prole. A Rosalía os seus fillos lembrábana alegre, cunha guitarra nas mans interpretando algunha canción que lles gustase. Case dous séculos despois do seu nacemento celebrámola coa felicidade de que os seus versos sexan parte da nosa identidade e ela o mascarón de proa da nosa literatura, que navega sempre con aires de independencia e liberdade.