Galician Army, o novo fenómeno da música galega: «O remix que máis nos custou foi o de 'Turnedo'»

FUGAS

MARIA POL

Galician Army apuntan a fenómeno. Dous músicos e produtores moi novos que veñen de presentarse cun álbum no que revisitan en clave electrónica a oito artistas e grupos galegos

21 may 2023 . Actualizado a las 21:26 h.

Pódese facer un remix de Luar na Lubre, de Turnedo ou de Eladio y Los Seres Queridos? Galician Army veñen de demostrar que si. Sobre todo se se fai dende o concepto co que os abordan eles. Máis que remixes, as súas son, en realidade, cancións novas, ornamentadas de electrónica, pop e certas sonoridades vintage.

Comezaron Sergio Vallejo e Alberto Prado chamando a atención polos seus sets como DJ. En apenas un par de anos gañaron os respecto da escena musical galega. Dende grandes figuras como Xoel López, Iván Ferreiro ou Luar na Lubre ata nomes emerxentes como Fillas de Cassandra, The Rapants ou Grande Amore.

Galician Army estrearon esta semana o seu disco de presentación, Nós, no que revisitan e a actualizan oito temas doutros tantos artistas e grupos galegos. «O de facer este álbum só con artistas galegos foi unha idea que tivemos dende o primeiro momento. Pensamos que, ao ser artistas máis achegados a nós, poderiamos conseguir deles certa implicación».

—E hóuboa?

—Absolutamente. Todos se amosaron dispostos ao que precisaramos e déronnos todas as facilidades. Todos escoitaron o seu tema previamente e ningún nos dixo «retocade isto, retocade o outro» ou non me gusta tal cousa. Cero problemas.

—Por certo, como vos chamo: produtores, remesturadores ou remexedores, como di Hevi?

—Somos un dúo ou grupo de música electrónica. Temos moitas facetas: produtores, DJ, músicos en directo... Cremos que «grupo» aglutina todas esas facetas. Non queremos ningún termo que nos peche.

—Por que un disco de remixes para presentarvos?

—Nós fixemos este disco porque tiñamos a necesidade de presentarlle á xente a maneira que temos de entender a música e sobre todo de xuntar todas as músicas que nos gustan e que escoitamos no noso día a día. Aínda que pareza que son artistas que non teñen nada que ver entre eles, son músicos que nos inspiran. Pero iso é precisamente o que buscabamos. Un abano moi diverso, incluso de diferentes xeracións, co que puideramos chamar a atención do público. Porque se nos presentásemos cun disco propio de oito cancións instrumentais, xa que nós non cantamos —e menos mal (rin)—, igual era un pouco aburrido.

—Cal foi o criterio da selección de artistas e de temas para este disco?

—O primeiro, que fosen temas ou artistas que nos inspiraran. De diferentes estilos e xeracións. Tiñamos claro que queriamos a Xosé Lois Romero & Aliboria e a Luar na Lubre. E despois apuntamos ao máis alto: a Xoel, Iván Ferreiro...

—Cales son os sinais de identidade que determinan o son de Galician Army?

—Nós partimos da música electrónica de baile actual e despois temos influencias doutros xéneros, como o synthwave e o synthpop dos 80 ou as bandas sonoras dos 70 e os 80, tipo Vangelis. Nós máis que un estilo buscamos un aura, un son concreto no que aparezan varios elementos que nos identifiquen.

—Pódese remesturar calquera canción?

—Por poder, pódese. Pero hai cancións ás que é complicado meterlles eses elementos que nos fan recoñecibles. Nós, para este disco escollemos artistas aos que viamos que lle podíamos dar o noso toque sen que soase forzado. Pero hai cancións que, por moito que intentásemos, sería difícil que encaixaran.

—Non houbo ningún «fracaso»? Algunha cancións que empezarades e a deixaches por imposible...

—Ningún. A algunha démoslles un par de voltas, fixemos unha versión e despois outra porque sentiamos que non estaba a altura do que queriamos. Pero a maioría das versións que están no álbum foron as primeiras ideas que nos saíron.

—Cal foi a que máis se vos resistiu?

Sergio. A min Turnedo, de Iván Ferreiro.

Alberto. A idea que tiñamos con ese tema era facer un remix para pechar os festivais. O reto era enorme porque Turnedo é o tema máis famoso da historia do indie español e non tiña ningún remix.

—Pero non pechades o disco con el.

A. Polo que supón a figura de Luar na Lubre e de Rosa Cedrón, pensamos que Tu gitana era máis representativa de Galicia.

S. O de Luar na Lubre tamén xurdiu porque unha inspiración forte no noso son é Mike Oldfield. E, claro, Rosa Cedrón ten unha canción con Mike Oldfield, Luar na Lubre xiraron con el... Era pechar o círculo. A min é o tema que máis ilusión me fai. Eu chorei no proceso.

—Eu pensaba que cando falásemos de referentes iádesme citar produtores da vosa xeración, deses que agora están en todos os festis, e resulta que me falades de Vangelis, de Mike Oldfield...

S. É máis: Pet Shop Boys, Hans Zimmer, Daft Punk... Polo xeral os recursos de composición e produción que utilizamos son recursos antigos pero traídos á actualidade.

A. Somos uns nostálxicos. Sempre nos gustou moito a música dos 70 e dos 80. Para nós é superinspirador. Eu descubrín un mundo cando descubrín a Vangelis. A música electrónica de hoxe en día ten unha produción incrible, super currada, pero vemos que o que se intenta explotar máis é iso, a calidade da produción, mentres que a composición déixase un pouco de lado. Nós buscamos xuntar eses dous mundos.

—O certo é que o concepto voso á hora de remesturar non se limita acelerar os beats e meter bases. Hai unha gran traballo creativo en cada un destes temas que fai que estes remixes sexan moito máis ricos que ao que nos teñen acostumados a maioría dos produtores.

A. Se te fixas, nos títulos dos temas nós non utilizamos a palabra remix. Porque para nós este é un álbum de cancións. Todas están feitas por nós partindo dende cero. Só hai dous tema que teñen stems ou unha pequena parte da canción orixinal. O resto están creados por nós dende cero. E o feito de non poñer esa palabra nos temas é porque hai certos prexuízos fronte aos remixes. Hai esa idea da que falas, de que os remixes é a unha canción á que se lle engaden dúas ou tres bases e listo. E nós o que quixemos foi darlles aos temas que xa existían a nosa interpretación.

S. Nós non buscabamos temas que valesen só para pinchar e bailar senón que tamén os poidas escoitar na túa casa. Entón, se cambias a composición e fas algo que é distinto ás cancións orixinais, estás aportando algo novo e dándolle motivos á xente para que escoite ese tema fóra do contexto da festa.

—O seguinte proxecto xa será de composición propia?

—Si, temos xa varias colaboracións no forno. E tamén un proxecto dun álbum conceptual no que xa estivemos traballando antes de poñernos con este disco.

—Quen vos gustaría que vos fixese un remix dos vosos temas propios?

A. A min gustaríame que algún cantante, imaxínate..., Sen Senra, dixese: «Vou facer a miña interpretación deste tema instrumental, cantando e aportando algo de produción».

S. A min o primeiro que se me ven á cabeza é Baiuca.

—Este verán actuades nun feixe de festivais. Como son os sets ou os «lives» de Galician Army?

—Intantamos pasar por diferentes estilos e estados de ánimo. Hai momentos de estar super arriba, momentos de emoción, momentos de cancións míticas... Sempre, por suposto, partindo do baile, pero buscamos transmitirlle algo máis a xente. Por iso tamén o de levar sintetizadores, para poder tocar os nosos temas. Queremos aportar algo distinto ao que pode escoitar a xente en Spotify. De feito, vai haber remixes nosos que só se van poder escoitar no directos.