Don Ricardo, o profesor vocacional

FUGAS

SIRO

Mestre de fonda entrega, o historiador das nosas letras deixou pegada naqueles que tiveron a sorte de escoitalo falar de Rosalía, Castelao ou Cunqueiro

30 oct 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Ricardo Carvalho Calero é o profesor que impartiu na Aula Trasmagna da Facultade de Ciencias a primeira clase de galego. Foi un 13 de outubro de 1965, ese día entraba na Universidade de Santiago de Compostela o estudo da lingua e da literatura de noso. O profesor impartía docencia nas carreiras de Filoloxía Románica e Historia, tres e dúas horas á semana, respectivamente. Nos inicios facíao con escasos recursos e por un soldo cativo de setecentas pesetas, mais sendo consciente de que con aquel sacrificio estaba a inaugurar un novo camiño para a lingua e, sen dúbida, pagaba a pena.

Como lle escribiu ao seu querido amigo Francisco Fernández del Riego, asumir a docencia universitaria xa ben entrados os cincuenta supuña un desafío persoal impropio dos seus anos, non era o único: Ramón Otero Pedrayo afrontaba o reto con máis de sesenta. Ambos quedaran inhabilitados para exercer a docencia pública cando se estableceu a ditadura franquista.

Carvalho Calero estudara Dereito, pero o exercicio da avogacía non lle enchía. Por libre, comezou a carreira de Filosofía e Letras, mentres traballaba de funcionario administrativo no Concello de Ferrol. Co título conseguido, prepara oposicións a docente e en xuño de 1936 toma o tren a Madrid para presentarse ás probas. Na capital todo dá un xiro inesperado e ten que mudar os libros pola pólvora. Alístase para defender a República, pero o triunfo da sublevación fascista pono nunha situación moi difícil, tamén polo seu compromiso galeguista. Piden para el cadea perpetua, pero despois de dous anos no cárcere consegue a liberdade condicional. Dende ese momento comeza a súa andaina como profesor de clases particulares, a saída de tantos mestres represaliados.

A oportunidade de seguir exercendo a súa vocación docente deulla o Colexio Fingoi, unha iniciativa promovida polo galeguista Antonio Fernández López. Un colexio privado co espírito da Institución Libre de Enseñanza, de educación mixta e baseado no coñecemento motivado, un oasis naquelas décadas de escola franquista. O alumnado recibía unha educación innovadora, sen castigos, apegada á realidade do país, á súa paisaxe, á súa lingua, á súa cultura. Aprendían representando textos teatrais, cultivando a horta do centro, facendo viaxes escolares, consultando a estación meteorolóxica ou recollendo contos populares. A Carvalho Calero gustáballe cantar e utilizaba nas clases moitas cantigas para motivar os rapaces. Contan que ás veces cantaba con tanta emoción que rompía a chorar, malia ser un home ben serio. Don Ricardo relacionaba nas súas aulas a literatura coa música, a xeografía, a historia... tamén buscaba que aprendesen a ter criterio literario, que soubesen recitar, e aínda que o galego estaba prohibido, representaban obras teatrais como Os vellos non deben de namorarse, de Castelao, ou da súa autoría. Naquel centro que el dirixiu e polo que se desviviu estudaron alumnas como Carmen Blanco e exerceron como profesores en prácticas ou bolseiros Xosé Luís Méndez Ferrín, Bernardino Graña ou María Xosé Queizán, o que dá boa conta da súa sensibilidade galeguista.

UN FITO HISTÓRICO

Despois de quince anos no Colexio Fingoi asumiu a docencia na Universidade de Santiago de Compostela, que compaxinou nos comezos co seu traballo de profesor agregado no Liceo Rosalía de Castro. Sen dúbida, a introdución do galego na universidade foi un fito histórico. Para aqueles mozos e mozas que chegaban dende as cidades ou as aldeas era moi significativo recibir clases cheas de erudición nunha lingua que estivera prohibida no ensino e proscrita para os ámbitos formais. Carvalho Calero dáballes clase na súa lingua familiar e nun rexistro que posiblemente non coñecían para o seu idioma. O seu alumnado recórdao como un home culto, esixente, distante e tamén moi irónico. O seu saber producía admiración nos seus discentes. Despois de moitos anos de entrega á docencia, xubilouse como catedrático en 1980 deixando tras de si alumnas e alumnos que o consideraron un exemplo a seguir.

E aínda que o seu labor como profesor foi de fonda entrega, tivo tempo para escribir ou para participar en proxectos como a Editorial Galaxia. O compromiso co país fixo que se entregase a varias causas que urxían e levounas a cabo con férrea disciplina. Do arduo labor de investigación nacen obras fundamentais como a Historia da literatura galega contemporánea (1963), que supón un punto de inflexión na historiografía da nosa literatura, e a Gramática elemental del gallego común (1966), de referencia para varias xeracións de filólogos.

Don Ricardo, así o coñecía o seu alumnado, deixou pegada naqueles que tiveron a sorte de escoitar como explicaba a Rosalía de Castro, de quen foi un gran estudoso, como falaba de Castelao ou como reparaba nun pequeno detalle dun texto de Cunqueiro. Un mestre que foi guieiro de moitas xeracións que pasaron polas súas aulas e que modernizou os estudos de lingua e literatura galegas.