Juliana Novo, unha das avoas de Ortegal, cumpriu 104 anos: «Teño sorte que aínda estou viva»

ANA F. CUBA MAÑÓN / LA VOZ

MAÑÓN

Uns días antes de cumprir 104 anos, Juliana axudou a botar as patacas na Cancela
Uns días antes de cumprir 104 anos, Juliana axudou a botar as patacas na Cancela CEDIDA

Hai uns días axudou a botar as patacas, non aparca o fouciño e xa pensa na sementeira do millo, en maio; cose á máquina, enfía a agulla e le sen gafas

10 abr 2024 . Actualizado a las 15:38 h.

Tres ou catro días antes de cumprir 104 anos, o 26 de marzo, Juliana Novo Mariña pasou a mañá botando as patacas na Cancela. A finca vese desde a súa casa, na Vila de Bares (Mañón), onde naceu e onde leva toda a vida. «Se non fora a cabeza, que estou algo mareada, e os ollos, que vexo pouquiño... bueno, a cabeza doer non é que me doa, e ver vexo, mellor se miro para o piso que se levanto os ollos... Aínda vou aos terreos, dos brazos podo ben, e das perniñas tamén vou andando». Este é o autodiagnóstico desta centenaria, que o día 26 soprou as velas na tarta que lle levou o alcalde, Alfredo Dovale, xunto aos dous fillos, o seu irmán Josecho, a neta e dous bisnetos; e o Venres Santo celebrou o aniversario cun xantar en familia.

O día 26, con parte da familia e co alcalde de Mañón, que lle levou unha tarta
O día 26, con parte da familia e co alcalde de Mañón, que lle levou unha tarta

O ano pasado por estas datas xa estaba collendo as patacas, pero este ano, «como houbo tantas e aínda quedan moitas», decidiron, ela e a súa filla, Rosa, coa que vive, deixalas para máis tarde e ter a colleita en agosto ou setembro. «Se podo volvo poñelas para o ano», subliña. Neste comezo da primavera anda algo molesta cos paxaros: «Os guisantes xa estaban grandiños, xa se vían, e encontreinos comidos polos pombos e os merlos». E xa pensa en sementar o millo no mes de maio na Aira: «O terreo era A Chaneca, pero como alí mallabamos o trigo cambioulle o nome». Noutra parcela na que antes medraba o millo quixo plantar verzas «para non deixala a silvas». Gústalle a horta: «Non canso, canso máis estando na casa quieta». Cando aparca o fouciño e o raño senta no banco diante da casa, con vistas á ría, de parola cos veciños. «Vexo unha pedra grande á esquerda da Coelleira», comenta, pola illa de Sarón, en Xove.

«Pasaba sen leite e sen pan»

Esta centenaria da Vila de Bares traballou toda a vida: «Desde os 13 anos andei a coser polas casas, e xa antes traballei coma unha mora, facíao todo por meus irmáns, pasaba sen leite para darlles a eles». Conta que unha vez tivo que ir a unha casa axudarlle a unha muller que dera a luz e que rexeitou o pan que lle ofrecían para o almorzo porque aquel día, na súa casa, non había pan: «Preferín pasar sen el eu tamén». Lembra que un irmán, cando enfermaba, en vez de chamar por súa nai chamaba por ela. Filla de labregos, agarrouse á terra desde cativa e ía comprar e vender ás feiras andando. Eran oito irmáns, dos que viven outros dous: Francisco, de 88 anos, e Josecho, de 90, de quen di que «é forte» coma ela. «Vai durar coma min», engade.

Nin a filla nin o fillo son quen de convencela para que deixe o campo: «Non queren que vaia, e eu dígolles que mentres poida non me quiten de traballar». Agora non madruga, agás un día, hai pouco, coa ansia de sachar un extremo da finca na que ían botar as patacas á que non chegara o tractor: «Non me daba gusto vela así, erguinme cedo para que non souberan que ía, e collín o sacho e a galleta para facer os montóns». Ás veces aínda cose á máquina e enfía a agulla e le sen gafas, e ás noites entretense coa televisión e Pasapalabra. Come de todo, tanto peixe como carne, «de porco e salgada, de tenreira non», e sobre todo pan, que hoxe ten en abundancia. «O doce xa me soubo mellor, antes morría por el porque non o tiña...».

Pesar polos que faltan

Juliana séntese querida, polos seus e polos veciños. «Tocáronme un xenro e unha nora preciosos, tiven moita sorte con todos. O meu Pabliño [o marido da súa filla Rosa, xa falecido] non ía a un sitio que non me levara», evoca. Viúva desde os 58 anos, a esta muller miúda de xesto afable pésanlle máis as perdas que os anos: «Morréronme as miñas neniñas [dúas fillas pequenas], o meu netiño de 25 anos, que era o único fillo de Rosa...». Mais non renega da vida: «Aínda teño sorte, que aínda estou viva». É unha das máis vellas dos arredor de vinte centenarios censados na comarca de Ortegal.