Días de feirón

Natalia Lema Otero ECOS DA GÁNDARA

FERROL CIUDAD

05 feb 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Feira de Baíñas é un recordo fugaz que aniña por veces nas memorias da nenez. Daquela, acórdome de ir andando con meu avó os poucos quilómetros que separan a Gándara de Baíñas. Nos últimos anos o feirón era un gran acontecemento que fuxía do convencionalismo. Exhibíanse postos tradicionais pero entraban con forza as maquinarias, tractores e os apeiros varios que irrumpían con arraigo no panorama labrego. Quen diría que poucos anos despois esta feira que se remonta a séculos atrás quedaría abocada ao declive máis absoluto. Onte, falando con Antonio do Campelo, recordoume os tempos de meus avós que acudían mercar de Castrerón á feira. Era tan longa que se debuxaba dende máis aló do adro da igrexa ata o Outeiro mesmo. Expoñíanse nas casetas xurelos, congros e demais productos en salmoira. Nas casas modestas levaban caixas de touciño de Vrónica, que ninguén sabe se era unha marca ou que. Contábame con ollos enchidos de ilusión que a primeira vez que se proxectou unha película en Baíñas a xente alucinou. Sobre aquela saba branca chegaba o cine á parroquia, alí onde nunca chegara tal patente ou invento. Moitos quixeron tentar voltar a recuperar a feira, para tódolos veciños. Non revivir os camiños en besta ou vender touciño, senón revitalizala aos tempos actuais porque a nosa vila sempre foi un lugar de paso formidable. Coido que hoxe resulta imposible, e non polos medios ou recursos. O modo de vida cambiou, mudamos dun accionarismo e colectivismo ao individualismo absoluto. Contra a soidade que habita as aldeas é moi difícil loitar, se perdemos o espírito conxunto como pobo. Mais tampouco imposible, calquera realidade pesimista precisa dun pouco de esperanza e utopía.