A Deputación xestionará 7,8 millóns en plans de sustentabilidade turística

A. S. Rodríguez A CORUÑA / LA VOZ

FERROL CIUDAD

Vista aérea das baterías de Ferrol
Vista aérea das baterías de Ferrol atr

As baterías de Ferrol a e vía verde de Santiago súmanse aos proxectos

14 dic 2023 . Actualizado a las 21:19 h.

A Deputación da Coruña afronta o seu segundo ano de xestión nos Plans de Sostibilidade Turística, para os que prevé unha inversión de 7,8 millóns, sufragados en parte polo Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno de España, financiado polos fondos Next Generation da Unión Europea.

No 2024 se amplían estes recursos a dous proxectos máis, como son a vía verde Compostela-Tambre-Lengüelle e as baterías de Ferrol. Sobre a ruta ciclista, o obxectivo é xerar oportunidades vinculadas co turismo sostible e a valorización dos produtos locais. No caso das baterías de Ferrol, a Deputación busca recuperar o observatorio meteorolóxico de Monte Ventoso, implantar un sistema de alertas, crear un aparcadoiro disuasorio nas vías de acceso e no centro histórico de Ferrol. O proxecto inclúe a creación e sinalización de camiños ciclables no entorno das baterías de Ferrolterra e a elaboración dun mapa virtual dos recursos patrimoniais do centro histórico con especial atención ao patrimonio militar, así como a recuperación e limpeza do baluarte de San Xoán e as zonas verdes e parques públicos do centro histórico de Ferrol.

«Estes plans poñerán en valor a nosa natureza, sendo paradigma dun turismo sostible e comprometido coa contorna. E tamén para fixar poboación, ademais de propiciar oportunidades de emprego para a xente que queira emprender en turismo», indica Xosé Regueira, vicepresidente da Deputación da Coruña e responsable da área de Turismo, e que continuará nas zonas iniciadas este verán co desenvolvemento do Plan de Sostibilidade Turística en Destino, como é o caso da comarca do Eume, onde o proxecto pretende mellorar e crear equipamentos e servizos para proporcionar as experiencias turísticas que demandan os novos consumidores. A aposta por unha transición verde e sostible permitirá á comarca do Eume a superación de retos globais.

Xosé Regueira, vicepresidente da Deputación e responsable da área de Turismo
Xosé Regueira, vicepresidente da Deputación e responsable da área de Turismo

Outro dos plans de sustentabilidade turística que se iniciaron no actual exercicio foi o do Xeoparque Cabo Ortegal, onde se puxo en marcha un produto turístico especializado, enmarcado na candidatura a Xeoparque mundial da Unesco, baseado no xeoturismo como eixo condutor. Deste xeito, a partir da excepcional riqueza xeolóxica, natural e cultural do territorio se crea un relato diferenciado e integrador sobre o que explorar, desenvolver e promover a relación entre o patrimonio xeolóxico e o resto de recursos e aspectos singulares deste destino.

Por último, no 2024 seguirá a traballarse no destino dos fogóns de Anllóns, un enclave idóneo para as actividades turísticas. Cos seus pratos de culler, os seus ingredientes da horta e do mar, e a súa tradición culinaria, representa todo o potencial dun territorio enclavado na Costa da Morte. O plan provincial prevé posicionar aos concellos do Anllóns como destinos de referencia de turismo de natureza e gastronomía. Inclúe a dotación de infraestruturas entorno ao río que permitan mitigar os efectos negativos da actividade humana e o cambio climático. Mellorando o río conseguirase unha optimización do aproveitamento dos recursos naturais, culturais e gastronómicos da zona.

O mosteiro de Caaveiro albergará un museo adicado ao Reino de Galicia
O mosteiro de Caaveiro albergará un museo adicado ao Reino de Galicia CÉSAR TOIMIL

A musealización do mosteiro de Caaveiro, un dos grandes proxectos provinciais

A Deputación xestiona unha importante parte do patrimonio da provincia, o que implica o seu coidado e a súa posta en valor. Un dos mellores exemplos é o mosteiro de Caaveiro, onde se habilitará un museo dedicado á historia do Reino de Galicia, así como ás fragas do Eume. O proxecto, que terá un orzamento de 400.000 euros, contará con materiais audiovisuais e realidade virtual para gozar dunha experiencia inmersiva.

A institución provincial xa iniciou os trámites para a adquisición dos terreos do parque megalítico da Costa da Morte, no que colaboran 11 concellos (Cabana de Bergantiños, Carballo, A Laracha, Laxe, Dumbría, Malpica, Mazaricos, Ponteceso, Vimianzo, Zas e Coristanco). O obxectivo é visibilizar, divulgar e promocionar a cultura megalítica desta zona, que conta con máis de 300 mámoas, dolmens e outras construcións funerarias, unha das mostras mellor conservadas e representativas na Nova Idade de Pedra en Galicia.

Outro dos grandes plans patrimoniais é o Parque Compostela Rupestre, no que xa se levaron a cabo labores de limpeza nos accesos aos petróglifos. Está prevista unha serie de accións para darlle visibilidade, como a xestión e actualización das redes sociais e da páxina web dun proxecto que abarca Brión, Val do Dubra, Santiago, Teo e Ames. Está previsto que a principios de ano se adquiran os predios nos que se atopan a maioría dos petróglifos.

Outros patrimonios singulares da provincia da Coruña propiedade da Deputación son o dolmen de Dombate, o pazo de Mariñán e as torres do Allo, onde tamén se destinaron fondos para a dixitalización de contidos e mellora dos sistemas expositivos. Dende a entidade provincial seguen a traballar en xacementos singulares en colaboración coas universidades, como nos casos de Portomeiro (Val do Dubra) e Brandomil (Zas). As torres de Altamira do século XI (Brión), o dolmen de Axeitos (Ribeira), a casa Wenceslao Fernández Flórez (Cambre) ou o castelo de Vimianzo forman parte do amplo catálogo patrimonial da Deputación.