Martinho Montero Santalha: «A lingua galega acabará por desaparecer, e o único que vai quedar é o portugués»

Ramón Loureiro Calvo
ramón Loureiro FERROL / LA VOZ

CERDIDO

Ramón Loureiro

Di que hai que tomar conciencia da gravísima situación que atravesa o idioma, e que «non podemos vivir nun mundo imaxinario, como se aquí non pasase nada»

25 sep 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Martinho Montero Santalha (Cerdido, 76 anos) foi profesor da Universidade Gregoriana de Roma e da Universidade de Vigo. Experto no obra de Ricardo Carvalho Calero, leva máis de trinta anos estudando a figura do polígrafo ferrolán, autor de títulos como A xente da Barreira e unha das personalidades centrais da cultura galega do século XX. «Temo que Carvalho Calero caia de novo no esquecemento», afirma, preocupado. Firme defensor, coma o propio Carvalho, do reintegracionismo lingüístico —do achegamento do galego ao ámbito da lusofonía—, Martinho Montero Santalha está convencido de que, irremediablemente, «a lingua galega acabará por desaparecer», e de que «o único que vai quedar é o portugués».

—Segue pensando que a única posibilidade de sobrevivir que ten a lingua galega pasa polo seu achegamento ao portugués?

—Totalmente. Abonda con saír á rúa para ver que o galego é unha lingua que está desaparecendo. Os rapaces xa non o falan, e iso dinos moi claramente que é o que está a suceder. Este proceso que está vivindo o galego é irreversible. E se queremos que o que se escribe non desapareza tamén, haberá que actuar en consecuencia. Cousa que sempre tivo moi clara Carvalho Calero, por certo. O reintegracionismo é o camiño a seguir. Non podemos vivir nun mundo imaxinario, coma se aquí non pasase nada. Hai que saber aceptar a realidade. E non temos máis que pensar no exemplo do latín...

—Ese latín que vostede coñece tan ben e que ademais é unha das pedras angulares da nosa cultura....

—Si, claro, pero é unha lingua morta. E pensar que non é unha lingua morta é habitar unha ficción. Mire, cando eu cheguei a estudar a Roma, na [Universidade] Gregoriana todo estaba en latín. As clases impartíanse en latín todas. E o latín non só era a lingua das aulas, senón que incluso era o idioma no que se escribían os avisos que se deixaban no taboleiro de anuncios. Estando alí daquela, e participando diso, todos poderiamos pensar que o latín era, no fondo, unha lingua totalmente viva. Pero non é certo. Todo era ficticio. O latín seguía sendo o que xa era: unha lingua morta. E se iso pasou co latín, con todo o que ten detrás, que non pasará co galego? Non podemos perder de vista as nosas circunstancias. Todo é cuestión de tempo.

—De canto tempo?

—Home, iso é algo que non se pode predicir. Pero eu penso que o galego non chegará ao século XXII. Non quero dicir que daquela non quede aínda quen saiba falalo, quizais o un por cento da poboación, pero nunha situación así non se pode dicir que a lingua estea viva.

—Como era, no persoal, Carvalho Calero?

—Era un home que, aínda que tivo sufrido moito, moitísimo, en diferentes etapas da súa vida, non falaba mal de ninguén xamais, Nin sequera tiña unha mala palabra para as persoas que se portaron tan mal con el como Gonzalo Torrente Ballester. Fixéronlle moito dano, pero el nin sequera se queixaba de nada.

 

«A cultura galega débelle moito a Ferrol»

Montero Santalha leva investigado, ao logo de toda a súa traxectoria intelectual e académica, sobre múltiples ámbitos de coñecemento, que van desde a lírica medieval ata a teoloxía, pasando pola educación na Galicia da posguerra. Pero a vida e a obra de Ricardo Carvalho Calero seguen a ser o epicentro do seu labor intelectual e académico.

—Cando publicará vostede o seu estudo sobre a vida e a obra de Carvalho?

—Confío en non tardar moito. O traballo, que tiña xa como base a biografía que publicara hai anos, en realidade xa está, no esencial, rematado. Pero aínda lle vou incorporar algunha cousa máis.

—Que lugar lle corresponde a Ferrol no contexto xeral da cultura galega?

—Ao longo de toda a súa historia, Ferrol tenlle dado moito á cultura de Galicia, e iso non se debería esquecer. A cultura galega débelle moito a Ferrol. Aí están figuras como a de Vicetto. Ou a de Comellas, que tanta influencia tivo sobre a formación do propio Carvalho Calero. É triste que esas cousas se esquezan tan a miúdo. Sabes que dicía Carvalho do galeguismo...?

—Non.

—Pois dicía que o galeguismo era un barco cheo de xente xenerosa, que traballaba co maior dos entusiasmos en toda clase de ámbitos, pero que xamais se preguntaba o fundamental.

—E que era o fundamental?

—O fundamental é saber a onde vai o barco. O importante é o rumbo. Carvalho era xenial, e soubo ver cousas que outros non foron quen de ver xamais.