Conta atrás para a Feira do 23 de Abril de Moeche, unha tradición que atrae a milleiros de persoas

I. F. MOECHE / LA VOZ

FERROL

CESAR TOIMIL

A Asociación Ecuestre 23 de Abril, con nova directiva, volve organizar a cita co mundo equino, co apoio do Concello

21 abr 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Xa só quedan dous días para a gran cita do mundo equino na comarca. A Feira do 23 de Abril volverá encher Moeche de afeccionados aos cabalos, uns para participar nas distintas probas e outros para gozar das competicións, do ambiente festivo e dos postos que se instalarán no pobo. Este ano volve organizar este multitudinario encontro a Asociación Ecuestre 23 de Abril, que vén de renovar a súa directiva. Conta co apoio do Concello de Moeche, a través dun convenio de colaboración económica e loxística.

Desde o Concello agradecen a implicación da Garda Civil e das agrupacións de voluntarios de Protección Civil das Pontes e Neda. Nunha reunión mantida hai algo máis dunha semana pola alcaldesa, Beatriz Bascoy, e a concelleira de Desenvolvemento Local, Cristina García, coa presidenta da Asociación Ecuestre 23 de Abril, Noelia Castro, e outros membros da directiva, tamén estiveron o sarxento do posto da Garda Civil de San Sadurniño, a representante da empresa que deseñou o plan de prevención e persoal de coordinación dos equipos de Protección Civil. Neste encontro ultimaron os detalles do dispositivo de seguridade e os accesos aos aparcadoiros e outras zonas delimitadas.

Desde o Concello agradecen «a implicación de todos estes equipos e entidades para que todo transcorra sen incidencias». Ao mesmo tempo, piden a colaboración da veciñanza e tamén dos visitantes e de todos os participantes na feira, «co obxectivo de que o 23 de Abril siga sendo o que é sempre, un éxito».

Sobre os aparcamentos, establécense varias áreas para coches (sinalizadas e reguladas por Protección Civil) e tamén outras para os remolques e os vehículos de transporte de cabalos (os que van para «o trato» e os que participan nas probas). Ademais das zonas específicas para os animais.

En canto ás previsións meteorolóxicas, outro factor de interese para quen teña previsto desprazarse o martes ata Moeche, «parece que vai vir un día solleiro, con algunha nube e temperatura agradable, incluso ao mediodía». Con sol ou sen el, o poder de atracción desta feira evidénciase cada ano. Os cabalos e o resto do gando son os principal aliciente, pero tamén contribúen os postos de queixos, pan, empanadas, salgaduras, churros, verduras, plantas, artesanía, roupa, ferramentas ou materiais relacionados co mundo ecuestre. A degustación de polbo á feira ou os callos tamén forman parte das tradicións vinculadas á Feira do Cabalo do 23 de Abril.