A conexión de Juan Pardo con Ferrol: nenez na Graña, clases no Tirso e a súa eterna guitarra

Patricia Hermida Torrente
Patricia Hermida FERROL / LA VOZ

FERROL

Juan Pardo nos seus anos mozos
Juan Pardo nos seus anos mozos

O recoñecido crítico José Ramón Pardo, primo do músico, e o investigador Fernando F. Rego destacan a súa gran figura

26 jul 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Cando nos anos 90 as montañas de Granada implosionaron en melodías pop, moita xente recordou a Juan Pardo. Porque a pegada de Los Brincos revivía con forza nas cancións de Los Planetas, e posteriormente doutros grupos como Lori Meyers. A Medalla de Ouro de Galicia acaba de recoñecer a gran traxectoria de Juan Pardo, fortemente vinculada con Ferrol. El mesmo sempre se sentiu ferrolán, grazas a unha infancia transcurrida «entre a base naval da Graña e o colexio Tirso de Molina» como destaca o investigador musical Fernando F. Rego. E o propio primo de Juan Pardo, o recoñecido crítico e xornalista José Ramón Pardo, incide en que «a súa nai era natural de Ferrol e parte da familia segue na cidade».

Os amigos da infancia recordan a aquel «Juanín coa súa guitarra». Unha guitarra española que marcharía co músico a Madrid, «cando o seu pai foi nomeado agregado naval na embaixada de Washington e el viu a vivir ás casas dos tíos», destaca José Ramón Pardo. Segundo este primo carnal, histórico de RNE e creador de M80, «os seus pais regaláronlle xa en Madrid unha guitarra eléctrica de Estados Unidos e un amplificador, algo que non tiña ninguén». Á capital chegara Juan de mozo, criado en Ferrol pero nacido en Mallorca porque o seu pai era oficial de Marina.

A súa nenez pasou «pola base militar da Graña, o parque de Amboage ou o Tirso onde coincidiría con Andrés do Barro», recalca F. Rego, autor de libros como Historia da Música en Galicia ou Andrés do Barro. Saudade. Andrés sería o primeiro en marchar para Madrid, seguido de Juan. Os dous procedían de familias de estirpe militar.

Outra imaxe de Juan Pardo
Outra imaxe de Juan Pardo

 José Ramón Pardo ten un ano máis que este cantante nacido en 1942: «Somos unha familia numerosísima e non nos coñecimos ata que el tiña 18 anos e chegou a Madrid a estudar Enxeñería Naval, carreira que deixaría pola música». Afirma que «Juan descubriu o galeguismo cando fixo A Charanga xa en galego, pero antes lanzara Anduriña con Juan y Junior». A carreira deste músico de corazón ferrolán pasou así por Los Teleco (onde estaba o propio José Ramón), Juan Pardo y Su Conjunto, Los Pekenikes, o grupo do programa televisivo Escala en Hi-Fi, Los Brincos, Juan y Junior, e finalmente a súa carreira en solitario.

 «A nosa paixón era a música», recorda o xornalista José Ramón Pardo, «e a súa influencia chega a outros grupos como excelente músico e produtor de Andrés do Barro, Peret ou Los Pecos; destaca entre media ducia dos músicos pop máis importantes de España con máis de 800 cancións rexistradas na SGAE». Fernando F. Rego apunta «sombras como as súas discrepancias con Do Barro e Camilo Sesto, pero é unha das grandes referencias do pop español: un dos pais fundacionais do rock español con Los Brincos, e xunto con Los Bravos». Non logrou o primeiro número un en galego con A Charanga, «porque a discográfica editouna primeiro en castelán sen consultarlle». E así o fundacional número un en galego sería para O tren de Andrés do Barro.