Alerta, primavera literaria: as musas invaden as casas de Ferrol, Narón e Pontedeume

Patricia Hermida Torrente
Patricia Hermida FERROL / LA VOZ

FERROL

Día das Letras Galegas no Centro Cívico de Canido, organizado por Artábria
Día das Letras Galegas no Centro Cívico de Canido, organizado por Artábria CESAR TOIMIL

As Letras Galegas celébranse con iniciativas tan vistosas como o roteiro de escritores por Pontedeume

18 may 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Desde os estaleiros de Esteiro ata os campos de Breamo onde Rosalía de Castro recobrou a inspiración. Todo Ferrolterra, Eume e Ortegal asisten desde tempos inmemoriais a unha invasión de musas, con rincóns feitos para a lectura e a escritura. Pero esa alerta literaria acentuouse aínda máis neste Día das Letras Galegas. Música, obradoiros, teatro e flores misturáronse por Ferrol, Narón e Cariño. Pero especialmente en Pontedeume, onde se celebrou un roteiro polos lugares dos escritores relacionados coa vila.

As Letras Galegas en Narón, na Praza da Lectura con asSircópatas
As Letras Galegas en Narón, na Praza da Lectura con asSircópatas CESAR TOIMIL

Sempre en torno á figura este ano de Francisco Fernández del Riego, Ferrol organizou o acto central na asociación veciñal da Cabana, con actuacións como a de Toxos e Froles (con organización de Asociacións Veciñais da Zona Rural e Concello). E no centro cívico de Canido celebrou a súa festa Fundaçom Artábria, coa música de Brixta e un xantar popular con arroz. Co nome de N de Narón. A Festa das Letras, desenvolveuse na Praza da Lectura (zona das Vivendas da Marina) un espectáculo durante todo o día con Brais das Hortas, Mamá Cabra, Coro Peque Solidarium, a compañía de circo de asSircópatas e por último Supermeiga. Tamén Cariño recibiu a Trémola Teatro coa obra Unha nova galaxia.

Suso de Toro fala desde o balcón da casa de Ramiro Fonte
Suso de Toro fala desde o balcón da casa de Ramiro Fonte

Pero entre as festas máis vistosas do día destacou ese roteiro dos escritores por Pontedeume. Segundo Pepe Barro, vicepresidente do Ateneo Fernán Martíns (entidade organizadora co Colectivo Terra e o propio Concello), «foi unha experiencia novidosa na que participaron máis de 300 veciños, mentras os escritores subían aos balcóns e falaban doutros autores e a súa vinculación coa vila». Ata o Torreón dos Andrade achegouse Anxo Angueira para lembrar a estadía de Uxío Novoneyra no pobo, onde compuxo o seu poema Pontedeume. Ou Emma Pedreira subiu ata o número cinco da rúa de Santiago, onde Xohana Torres foi encargada da oficina de Telégrafos (tres anos despois publicaría o seu primeiro poemario Do sulco).

Anxo Angueira no Torreón dos Andrade fala de Uxío Novoneyra, no roteiro dos escritores de Pontedeume
Anxo Angueira no Torreón dos Andrade fala de Uxío Novoneyra, no roteiro dos escritores de Pontedeume

«Todos quedaron moi emocionados con este contacto directo coa xente, e mesmo tocou unha banda de pasodobles para os visitantes que chegaban de Santiago, Ferrol, A Coruña», indica Pepe Barro.

Os veciños abriron as súas casas e os escritores asomáronse ás xanelas para falar de literatos que pasaron pola vila (Suso de Toro sobre Ramiro Fonte, María Barcala sobre Galo Salinas «que pronunciou en Pontedeume o primeiro discurso político en galego en 1891»).

María Barcala desde a casa de Galo Salinas
María Barcala desde a casa de Galo Salinas