O cataclismo que provocou o túnel da Graña

Victoriano Urgorri
Victoriano Urgorri AUGA DE MUÑICO

FERROL

17 jun 2022 . Actualizado a las 22:26 h.

Supoño que chamaralles a atención que empregue no título a palabra cataclismo, pois para moitos pareceralle moi drástica, xa que a RAG defínea como: «unha transformación grande e brusca da superficie terrestre producida por fenómenos naturais», pero eu aquí emprégoa no sentido da segunda acepción da RAG: «suceso que causa un gran trastorno e ten consecuencias graves», acepción que é moitísimo máis explicativa do cataclismo que provocaron na Graña as reiteradas explosións diarias para a construción do túnel ao porto exterior. Quero dicirlles que durante un ano, de marzo de 2021 ata marzo de 2022, os veciños da Graña soportamos cada día tres brutais explosións, coas que as casas tremían desmesuradamente e podo dicirlles que en cada explosión eu pensaba que a galería da miña casa ía derrubarse e de feito, no lado esquerdo dela, abriuse unha ampla greta vertical onde entran perfectamente os meus dedos, amais dunha barriga na zona media, entre outros moitos danos acaecidos na vivenda. Pero non pensen que os danos caseiros son os únicos desastres, xa que en moitas propiedades afundiuse parte do terreo, muros, escaleiras e patios forrados de pedras, teñen escachizado o cemento que as encintaba, pero o máis abraiante de todo é que unha chea de árbores frutíferos e ornamentais, secaron en tódalas fincas da rúa Real Alta, incluído o parque do Concello onde tamén secou a fonte de toda a vida. A directiva da Asociación Veciños Rosalía de Castro da Graña, logrou que o 14 de febreiro de 2022 se fixera unha xuntanza dos veciños con representantes da APFSC. Nela, solicitouse, e foi aceptado, que se enviara a cada veciño, copia dos documentos fotográficos dixitais que antes do inicio da obra fixeron uns técnicos en cada vivenda e que certificou un notario, coa fin de comprobar nos, se as gretas preexistentes aumentaron de anchura e lonxitude e apreciar cales delas eran novas. Pódolles dicir que nas fotos do pdf que recibín e máis noutros que eu vin, as gretas son inapreciables, invisibles, xa que as fotos están moi escurecidas e só nalgunha vese malamente só a frecha negra que as sinalaría. Se quen fixo estes pdfs fose alumno meu, sen dúbida estaría suspenso, agás que foran feitos así, con toda a intencionalidade. Comprenderán agora que os veciños estean moi anoxados, xa que as boas palabras da APFSC na xuntanza, foron un claro engano á veciñanza, polo que os veciños témola sensación que pouco ou ningún interese teñen as autoridades da APFSC en resolver esta calamitosa situación e as súas dramáticas consecuencias. Así, o presidente da Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao, Francisco Barea, afirmou que non quería esquecerse dos veciños dos barrios polos que transcorre o túnel: «Mi reconocimiento a los vecinos que han sabido anteponer el bien común a las molestias que unos trabajos de esta magnitud les han podido ocasionar»; é dicir, para o presidente foron simplemente molestias, declaración que fala por si soa sen necesidade de ningunha explicación. Veciños, a conclusión é doada: Manda quen manda, cartucho ao canón (obedecer sempre, aínda que o mandador non teña razón).