Moalde exalta a carne de rubia galega, ao espeto e á grella

amelia ferreiroa LALÍN / LA VOZ

SILLEDA

Daniel González Alén

A festa gastronómica, que se celebra este 1 de maio, busca tamén render tributo aos traballadores de todos os sectores

01 may 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Continúan as festas gastronómicas no municipio de Silleda, sendo agora a carne de vacún a protagonista. A parroquia de Moalde é a que abre agora os eventos do mes de maio coa cuarta edición desta cita, que sufriu tamén os paróns normais derivados da pandemia, pero que afortunadamente logrou manterse no tempo. «Para las fiestas hay que tener constancia, de lo contrario desaparecen», comenta José Luis Arrebola Gómez, un dos cinco organizadores da festa que chegou á parroquia moaldesa doce anos atrás e que tira de veciños e amigos para que se fagan actividades na aldea.

Arrebola contará precisamente cun grupo de amigos de Viascón que serán os encargados de cortar a carne este mércores. Da súa preparación encargarase el mesmo, contando coa inestimable axuda de Marcos e dun grupo de mulleres que terán entre mans e a preparación das patacas, salsa para a carne e da sobremesa. «Garantizo la calidad de la carne. Rubia gallega. Y como apostamos por ofrecer calidad, tuvimos que subir un poco la tarifa», explica José Luis. O menú a base de carne de vacún, viño, auga, sobremesa e café custa nesta edición 30 euros, mentres que se é para levar para a casa sumará 27 euros. «Tenemos mucha gente que viene a comer con nosotros, pero también contamos con reservas para llevar. A veces se plantean determinadas complicaciones familiares y no pueden venir...», reflexiona José Luis Arrebola.

A principal materia prima para a Festa da Carne de Vacún á Brasa, 120 quilos de rubia galega xa está reservada, segundo os organizadores, que sitúan en 150 persoas o máximo aforo que atenderán e que non prevén ampliar por cuestións loxísticas. «No tenemos relevo generacional para este tipo de evento. Somos cinco personas en la organización, y tenemos que contratar a los camareros para atender las mesas, ya que nosotros no podemos obviamente, por lo que trabajamos sobre este aforo máximo. De momento no tenemos capacidad para sumar más comensales», comenta un dos organizadores.

Menos de media ducia de veciños son os que terán que supervisar todos os preparativos da festa, e atender calquera eventualidade que poida xurdir nunha longa xornada que arrancará ás oito. «La carne es gruesa, tiene que asarse lentamente y por eso empezaremos temprano por la mañana con el asado para comer a las dos. Una irá al espeto y la demás a la parrilla, y habrá carne a fartar. Yo me encargaré del asado y los amigos de Viascón de cortar y de repartirla», apuntou Arrebola.

Un evento gastronómico no que non faltará a parte lúdica, «con un karaoke con animador, y con las rifas que se retiraron para asistir a la fiesta haremos un sorteo de varias donaciones que nos hicieron, e incluso si queda algún costillar de ternera entero también lo sortearemos para que no quede», explicou José Luis. A organización lembra a todos os futuros asistentes que o campo estará cuberto por unha carpa, ante a previsión de que a xornada poida ser algo chuviosa.