Unanimidade para solicitar a declaración como BIC para a Torre-Tulla de Fafián

La Voz REDACCIÓN / LA VOZ

RODEIRO

Daniel González Alén

O notable monumento precisa urxente rehabilitación que evite a ruína total

18 nov 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

A corporación municipal de Rodeiro, no último pleno, acordou por unanimidade tramitar diante a Xunta de Galicia, a solicitude precisa para conseguir o recoñecemento de Ben de Interese Cultural (BIC) para Torre ?Tulla de Fafián, un dos monumentos máis sobranceiros das terras de Camba, en base a un informe que para tal fin, elaboraron Leila Sabbouh López, do colectivo A Tulla de Fafián e o cronista oficial de Lalín, Daniel González Alén.

Agora procede que o Concello inicie os tramites necesarios de cara a presentación á Consellería de Cultura, Educación e Universidade da Xunta de Galicia, da que está a fronte o lalinense Román Rodríguez, do acordo plenario e da correspondente solicitude, para que este ben patrimonial e mesmo o conxunto histórico-artístico e monumental que forma con outras notables construcións, representativas da arquitectura popular, sitas no lugar de Outeiro de Fafián, obteña en breve prazo, a cualificación de Ben de Interese Cultural. Será este o primeiro paso para protexer, conservar e poñer en valor este senlleiro monumento do municipio de Rodeiro, liberándoo do estado de abandono e ruína no que se atopa, pasando a ser un importante recurso cultural e turístico das terras de Camba e aínda de Deza e Galicia.

Informe da torre medieval

O informe de Leila Sabbouh e González Alén, que servirá de base para a solicitude de BIC, inclúe numerosos apuntamentos da historia desta torre dende o século XVI, cando era morada do xuíz da Terra de Camba e Rodeiro, pasando co andar de tempo a ser propiedade de varias familias nobres dos Lemos, Camba, Ulloa, Valladares e posteriormente, Armada e Lorenzana, ficando en mans privadas que pouco ou nada fan polo seu mantemento e conservación. A partir de século XVIII, sería usada coma tulla onde se recollían as rendas da zona e finalmente, perdida a súa utilidade, sufriría o abandono e ruína parcial na que está sumido na actualidade.

No informe tamén recolle unha detallada descrición da torre e a bibliografía existente dela. A primeira publicación da Torre-Tulla da que se ten constancia é a do libro A Comarca do Deza (Deputación de Pontevedra, 1989 e 1996) de Daniel González Alén e Armando Vázquez Crespo. Seis anos despois, o agora conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, incluía este monumento no seu libro Rodeiro: unha terra, un patrimonio (Xunta de Galicia, 1995). A Torre-Tulla aparece destacada na obra Pazos y moradas hidalgas de Deza (Deputación de Pontevedra, 2005) de Gómez Buxán e Rubiá Alejos, e tres anos despois, no libro Rodeiro, unha terra con historia (Deputación de Pontevedra, 2008) de varios autores.

Referencia bibliográfica

O último libro publicado ata o de agora, no que figura a Torre de Outeiro é Pazos gallegos. Materiales para su estudio (Deputación de Pontevedra, 2014), cos traballos que a mediados do século pasado, realizaran Miguel Durán-Loriga y Salgado na compaña de Antonio Taboada Roca, que recolle algúns apuntamentos e fotos depositados no Museo Provincial de Pontevedra dende entón.

Nos últimos tempos é frecuente que apareza en prensa e revistas, nas guías editadas por distintos organismos e en portais e blogs na internet. Tamén se colocaron paneis informativos o pé do monumento e da Ruta dos Muíños e as Idades da Historia, trazada hai anos polo Concello de Rodeiro, que por aquí pasa cara a vila romana de Porta de Arcos, outro notable ben patrimonial abandonado, que tamén agarda unha axeitada posta en valor.

Labor a prol da difusión

Moi destacada é o labor do colectivo A Tulla de Fafián, que ven realizando dende hai anos, un intenso e meritorio labor a prol da difusión e rehabilitación deste monumento e do seu entorno, intensificado nos últimos dous anos a través das visitas guiadas, á prensa e as redes sociais e dando razón de importantes documentos antigos, que se gardan no arquivo da coñecida por Casa do Mariano, no lugar de Outeiro mesmo o carón da Torre- Tulla, que logo de tímidos intentos por parte das forzas vivas de Rodeiro, vai por fin camiño de converterse en Ben de Interese Cultural de Galicia, declaración que debería ser o principio dun axeitado e rigoroso proxecto de rehabilitación, que asegure a posta en valor deste senlleiro monumento existente nas terras de Camba.