Cancións modernas e guitarra eléctrica, no Festival de Corais

amelia ferreiroa LALÍN / LA VOZ

LALÍN

Miguel souto

A Polifónica de Lalín incorpora música en directo na cita deste sábado, xunto a Cámara Música Viva e Las Regueras

20 abr 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Chega a novena edición do Festival de Corais, organizado pola Coral Polifónica de Lalín este sábado (Salón Teatro, 18 horas), coa participación da Cámara Música Viva de O Carballiño, Las Regueras de Oviedo e a formación anfitrioa. Unha actividade musical que ven a dar continuidade a meses centrados na formación e nos concertos da agrupación local, segundo comentou o presidente da mesma Paco Sesto; «o festival do sábado é unha continuidade do programa que estamos levando a cabo dende a coral». Programación que continuará cunha visita e actuación a Oviedo, para dese xeito devolverlle o intercambio a Las Regueras para os primeiros días de xuño, e posteriormente ofrecer outra actuación en Muros no mes de agosto.

«Son citas que xa están pechadas, pero posiblemente se vaian concretando máis datas ao longo das próximas semanas, e mesmo xa estamos traballando no próximo festival que teremos e que será o de outono. Coa coral de Oviedo coincidimos en Oleiros e xurdiu unha conexión recíproca, de aí a súa participación no noso festival e que nós vaiamos logo alá, e coa Cámara Música Viva existe unha estreita relación de proximidade e de magnífica relación», avanzou Sesto.

Pero antes de que se materialicen os desprazamentos por España, o máis inmediato é a cita sabatina no Salón Teatro para a que a Coral Polifónica de Lalín preparou un repertorio de temas musicais actuais; «interpretaremos cancións de Jorge Drexler, Fran Pérez e Caetano Veloso, cancións actuais e moi alegres», apuntou o presidente.

Unha actuación que seguramente suscite sorpresa ao contar a coral con instrumentalización; «a idea de Benxamín (Otero), o director da coral de incorporar a guitarra eléctrica ao canto coral penso que pode impactar e sorprender, pero tamén creo que lle vai gustar ao público asistente». Unha novidade que presentará a formación no seu Festival de Corais que se suma á incorporación de novas voces á agrupación. «Sempre hai carencia de voces masculinas, e mantemos a porta aberta a todos aqueles e aquelas que se queiran sumar á agrupación, pero é certo que se incorporaron catro novas voces masculinas. Estamos moi contentos», comentou con satisfacción Sesto que agradeceu tamén a disciplina que se mantén no seo da coral. «Podo dicir que a ilusión dos coralistas é fantástica. O 90 % non falta nunca aos ensaios, que mantemos un día á semana. Penso que detrás desa ilusión está tamén a que nos transmite o noso director, e o ben que o pasamos nos ensaios que se pasan sempre voando».

Mención especial tamén para as agrupacións máis novas, e o traballo que está desenvolvendo coas mesmas María Sixto. «Somos das poucas corais que temos agrupacións xuvenís a cargo, e o poder mantelas en activo é grazas a persoas como María que ten a ilusión posta nese proxecto coral, no que algún dos máis pequenos case nin sabe ler», explicou o presidente.