Os fondos Edusi e o futuro de Lalín

Rafael Cuíña

LALÍN

15 mar 2024 . Actualizado a las 20:31 h.

Foi polo outono do ano 2016 cando unha mañá no despacho da alcaldía entraba sorrindo o daquelas tenente de alcalde Nicolás González, coa boa nova de que Lalín conseguira 5 millóns de euros de fondos europeos para a súa estratexia urbana.

Sen dúbida unha excelente nova para un Concello que vía como o traballo do entón goberno de Lalín, daba os seus froitos, e abría un camiño pioneiro para o futuro de moitos Concellos, como eran os cartos europeos a xeito de «maná», ante a crise que mermaba as economías das administracións públicas como a lalinense, con fortes déficits nas súas tesourerías. Nicolás fixo un traballo de coordinación impecable, e as innumerables reunións para decidir os proxectos, deron máis dunha dor de cabeza, mais sempre tivemos claro que tantos millóns de euros non podían ser para cuestións vacuas, e tiñan que transformar decisivamente a nosa vila.

Proxectos como a transformación de Lalín de Arriba, ou o da contorna da igrexa de Donramiro, as sendas verdes, a «Smart City», e varios máis, saíron das nosas mentes sabendo que ían ser decisivos para as próximas décadas das zonas beneficiadas, e mellorarían substancialmente a calidade de vida de veciñas e veciños. Pola contra hai dous proxectos que teñen en min unha fonda decepción,... son os do albergue de peregrinos do Manuel Rivero, e o das rúas Principal e Loriga.

A rúa Loriga no proxecto europeo que presentamos era moito máis ambicioso, cun chan absolutamente diferente, e infinitamente máis fermoso, ademais de outro concepto de axardinamento. O goberno actual popular decidiu rebaixar en moitos miles de euros o proxecto por «caro», seguramente porque os números non daban para políticas de ocio e festas. Cadaquén ten as súas prioridades. O que ía ser con moito a máis atractiva rúa de Lalín, quedou a medias, do mesmo xeito que decidiron non facer un albergue nos terreos do antigo Manuel Rivero, con locais para asociacións, e apostaron por outro edificio enfronte, do que nada malo teño que dicir.

Hai unha cousa na que coincidimos Crespo e máis eu... a burocracia europea é insufrible para este tipo de financiamentos, e pon en risco a súa posterior execución e certificación. Se en outubro de 2021 dende Europa non viñera unha prórroga para executalos, Lalín tería perdido millóns de euros, e iso non é culpa nin do goberno anterior nin do actual, senón de persoas afastadas da realidade diaria dun Concello, que toman decisións en despachos enmoquetados, de cuxo nome non nos queremos xa lembrar... Do mesmo xeito felicito por dirixir a execución estes anos de goberno a Paz Pérez, e de recoñecer que non é doado facelo en máis do 90%, mais ninguén nos vai a quitar a lembranza de aquel día a Nicolás e a min, no que se conseguiron fondos para mellorar o presente e o futuro de Lalín.

Ou non?.