«Living» e Lalín

Antón Branco Vilariño

LALÍN

23 dic 2023 . Actualizado a las 21:53 h.

Levaba meses querendo vela, pasoume por diante nos cines e tívena en fronte en Filmin durante varias semanas. Ao final, entre o medo de que fose aburrida e as altas expectativas do que se dicía dela dispúxenme a ver Living, unha película británica que trata sobre o agromar da vida e sobre a sinxeleza das cousas que nos poden facer felices.

Botei maquinando sobre a película uns cantos días, e nese traxecto cara ningunha parte, coma unha viaxe na que se vai parando nas fondas do camiño, saltou diante de min unha publicación de Facebook; un evento, un fito, os dez anos da inauguración do Castro Tecnolóxico. Ao primeiro non lle din importancia, en Lalín estamos afeitos a estas mostras de autocomplacencia.

Foi indo a vida, foron pasando os días e volvín ao señor Williams, así é como se lle chama ao protagonista da película, un home serio, metódico e pragmático; ou o que é o mesmo, un burócrata. Este traballa no servizo de Obras Públicas, no concello de Londres, adicándose a tramitar expedientes. Case sempre, os urxentes teñen que ver con asuntos que lle interesan aos de arriba, grandes obras. Nun determinado punto, pasa polas súas mans un proxectiño de parque que lle levan unhas mulleres dun barrio humilde porque alí onde viven, as súas fillas non teñen sitio onde xogar, alí só hai ferralla e cascotes. Ao ver a petición, o señor Williams, inmutable, apílaa co resto de carpetas ás que vemos que non lle da importancia. Mais o mundo cambia. Por h ou por b, este home, antes gris, agora tórnase alegre, vai descubrindo esas pequenas cousas que nos traen benestar, recorda o parque, e comeza a traballar arreo para conseguir levantalo. Pasados os meses, o parque está feito e el é feliz. Que tanto se fai, ás veces, con moi pouco.

De Londres, volvo a Lalín e observo ese décimo aniversario, recordo aquela época, aqueles gobernos. Foron tempos de dilapidar cartos públicos en grandes obras que, ao meu modo de ver, non eran necesarias para Lalín. Creo firmemente que se eses cartos se tiveran empregado en vivendas, en mellorar servizos como o SAF, a recollida do lixo, o saneamento, o transporte, os colexios, o ambulatorio ou a cultura, creo que hoxe Lalín sería moito mellor, mais o que herdamos son mamotretos que nos tratan de colar como logros, cando é o que temos, houbo que roelo, e con iso temos que vivir.

Ante o descaro e a fachenda da necidade creo que deberiamos valorar, coma o señor Williams, esas pequenas cousas que nos fan felices: un parque, un camiño ben coidado con sombra no verán, as fontes limpas, chegar ben á vellos e ter a seguridade de que teremos quen nos axude, vivir nunha vivenda xeitosa, non perder o soldo en facturas de luz e gas ou mesmo en alimentación, ter tempo para nós mesmos cando temos fillos, ter boas festas, nin grandes nin pequenas, boas... Hai moito por facer, cambios ben sinxelos. Mentres tanto, hai quen golpea no peito sobre os seus erros, sen pensar, por un intre, que rectificar vainos ensinando e humanizando.