Política para a xente

Paco Vilariño

LALÍN

12 nov 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Aveciñanza de Lalín vimos de recibir o máis clarificador dos argumentos do que son as «políticas para a xente» que fai o BNG. Como nacionalista e como lalinense non podo sentir máis orgullo pola formación política á que pertenzo dende os 15 anos. Grazas ao BNG a partires de 2024 rematará o «atraco histórico» das peaxes da AP 53 ao que ao longo de máis de 20 anos nos tiveron condenados PP e PSOE. Esta importantísima rebaixa de até o 75 % desas peaxes é unha reclamación histórica para a comarca do Deza e para a Galiza interior que o BNG lalinense leva anos liderando en todas as institucións nas que estamos presentes, e tamén nas rúas cos veciños e veciñas, recollendo sinaturas, protestando nas prazas e traballando arreo para mellorar a vida da xente, coma sempre fixemos e seguiremos a facer.

Un só deputado do BNG en Madrid vén de conseguir o que nestes anos non puideron, ou máis ben non quixeron, todos os deputados e senadores populares e socialistas que pasaron polas Cortes. A forza do nacionalismo galego vén de acadar para Lalín a mellor das noticias nestes tempos de afogamento económico das familias: a viaxe a Compostela dun veciño de Lalín custará case 10 euros menos grazas ás políticas do BNG. Para o noso concello suporá ademáis rematar o agravio que estas peaxes abusivas supoñen tanto a nivel social como económico.

Hai máis de 20 anos as políticas privatizadoras do PP (practicadas por acción e por omisión por persoeiros que se din valedores de Lalín), nos condenaron a sufrir ano a ano as peaxes máis caras de todo o Estado. Durante este tempo alternaron no poder PP e PSOE negándose sistematicamente a rematar con este agravio e mesmo elevando cada ano a presión sobre os nosos petos. Despois de moito loitar, reclamar, enmendar orzamentos e presentar iniciativas, o BNG foi quen de rematar con este agravio, e tamén vos digo que non imos parar aquí, que imos seguir loitando para rescatar a concesión e recuperar a xestión da autopista para a súa gratuidade total.

A AP-53 é a nosa vía de conexión con Santiago de Compostela. É a canle que usamos para vender os nosos produtos, incentivar a nosa industria e promover o noso comercio local. Pero tamén é a vía que usamos para ir á Universidade e ao hospital, educación e sanidade fundamentais para o benestar e a calidade de vida dos veciños e veciñas que durante este tempo pouco lle importou tanto ao Partido Popular coma a PSOE que a nós nos saíran máis caros. Ambos deberían agora explicarnos aos lalinenses por qué nos estiveron atracando e mermando os nosos servizos e dereitos durante tantos anos.