O Serán das Letras dará protagonismo ás mulleres en Lalín

j. b. LALÍN / LA VOZ

LALÍN

Cedida

A cantante Ugía Pedreira recibirá este ano a pandeireta de honra no Rodo

22 abr 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

A programación Lalín nas Letras incluirá actividades do 17 ao 21 de maio, onde destaca o Serán, que este ano estará dedicado ás mulleres. Na presentación de onte, a concelleira de Cultura, 0 Blanco, que estivo arroupada por representantes dos grupos musicais locais que participarán, destacou a intención de darlle unha volta a esta celebración do día 17, con máis sensación de festa. Terá lugar na carballeira do Rodo e, se o tempo o impide, nunha carpa na Praza da Igrexa.

O Serán das Letras incluirá dous obradoiros, o primeiro ás 11.00 horas de especialización de baile a cargo de Montse Rivera, de Leilía. Ás 13.00 haberá concerto de Uxía Senlle para despois facerse entrega da pandeireta de honra á cantante Ugía Pedreira, no seu día unha das impulsoras do Conservatorio Folque nado en Lalín e que agora funciona en Santiago. Despois haberá xantar comunitario e pola tarde, obradoiro de pandeiro con Bea, de Adufeiras de Salitre, para ás 18.00 comezar as actuacións dos grupos tradicionais. Participarán Ailola, Pandeireteiras de Bendoiro, Casa do Patrón, Carballo da Manteiga, Ponte da Prata de Botos, A Carballeira de Cercio, Os Xuncos, Repenicando, As Maruxeiras e hai a dúbida da presenza de Zobra.

O día 18, ás 18.30, haberá sesión de Os Mirlotís na biblioteca coas letras galegas de fondo. O 19 a praza da Igrexa acollerá o concerto Son galego, son cubano de Roi Casal, mentres o 20 sairán ás rúas os cabezudos de Laxeiro ás 11.30 e ás 13.00 haberá concerto da Banda de Vilatuxe no Quilómetro 0; e ás 20.30 a obra O Naranxo de Ramón de Valenzuela da Carballeira de Cercio no Salón Teatro. O 21, ás 13.00, concerto Levaino! de Xurxo Fernandes e ás 20.00 o pase de As Bestas no Salón Teatro.