Recycling: catro anos recollendo bicis, e 400 entregadas a familias

amelia ferreiroa LALÍN / LA VOZ

LALÍN

cedida

Un empresario lucense doou cincuenta unidades e tres motos

12 abr 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

A traxectoria solidaria da Asociación Recycling, que botou a andar no ano 2029 en Lalín, acubilla a nada despreciable cifra de máis de 400 bicicletas entregadas a familias galegas, máis de trescentas almacenadas agora mesmo nunha nave cedida pola Deputación na Finca de Mouriscade; cuxo próximo destino será Marrocos, e varios centos delas que xa viaxaron con anterioridade a Guinea Bissau.

Un proxecto nado no seo da familia Pereira Chagartegui centrado en aportarlle unha segunda vida ás bicicletas que xa non se usan, e acaban en moitas ocasións esquecidas nas palleiras e alpendres. E puido comprobarse ao longo destes últimos anos que non eran poucas as que adormentaban en diferentes rincóns, e que a iniciativa posta en marcha por José Luis Pereira, Lorena Chagartegui e o seu fillo foi callando na sociedade. Proba delo foi a xenerosa doazón entregada recentemente por un empresario lucense, según relata Pereira, «é o dono de Hierros e Metales Jorge que nos chamou e nos trouxo desde a costa de Lugo un camión cheo de bicicletas, máis de cincuenta, e tres motos». Con esta recente recepción aumenta o volume de bicis almacenadas sumando unhas trescentas cuxo próximo destino será Marrocos; «a intención é poder levalas nós mesmos ata alí. Xa o quixemos facer con anterioridade pero xurdiu unha guerra e fixo imposible a viaxe», explica Pereira. Certo é que Recycling atende sempre, en primeiro termo, as peticións que se poidan xestar desde os departamentos de Servizos Sociais dos concellos da contorna e máis de 400 bicicletas xa se distribuiron en unidades familiares de Lalín, Silleda, Agolada, Monterroso, Lugo, Santiago, Negreira e Ames. «Van para quenes as necesitan como opcións de xogo ou de mobilidade, de feito unha a entregamos esta mesma semana en Lalín e outras tres pedíronnolas para outras familias de aquí».

Co gallo de sufragar os gastos que conleva a recollida e amaño das bicicletas que son entregadas por moitos particulares, de maneira xenerosa e altuista, Recycling segue cunha campaña de captación de socios, con cuota de 20 euros ao ano. «É un xeito de poder seguir co colectivo xa que non contamos con subvencións», comenta Pereira.