Lalín, berce da astronomía en Galicia, xa é destino turístico Starlight

josé ángel docobo (*) SANTIAGO

LALÍN

MARCOS MÍGUEZ

O emblemático Observatorio de Lalín recuperouse no 2011 logo dun convenio entre o Concello e a USC

11 abr 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Lalín xa é novo destino turístico Starlight despois da certificación oficial por parte da fundación do mesmo nome, vinculada ao Instituto Astrofísico de Canarias e creada no 2007 logo de aprobarse por parte da Unesco a Declaración de La Palma para a conservación do ceo escuro como patrimonio cultural da humanidade. Ten, entre outras misións, certificar aquelas zonas do planeta que teñan un ceo nocturno escuro, polo tanto sen contaminación luminosa ou mínima, de tal xeito que poidan ser ofertadas como destinos turísticos nos que se poida contemplar o ceo nocturno en todo o seu esplendor. Para iso, os concellos solicitantes deben de cumprir unha serie de estritas condicións de calidade, tanto dos seus ceos como de infraestrutura turística.

Hai que lembrar que a investigación astronómica en Galicia comezou na vila de Lalín grazas ao traballo exemplar e de excelencia de Ramón María Aller Ulloa dende os inicios do pasado século. O padre Aller pasou logo á universidade debido á súa incorporación como profesor en 1939. Pouco despois fora construído o observatorio universitario, en 1943-44, nos terreos da entón chamada Residencia.

O emblemático Observatorio de Lalín recuperouse no 2011 logo dun convenio entre o Concello e a USC a través do Observatorio Astronómico Ramón María Aller (Oarma), e así púidose dar continuidade en mellores condicións ás distintas actividades astronómicas que, promovidas por quen subscribe, se viñan xa realizando en Lalín dende 1991.

Co obxecto de darlles continuidade a estas actuacións, destacando Lalín como berce da Astronomía en Galicia, e ao mesmo tempo poñer en valor os ceos escuros existentes, sobre todo na parte leste do seu termo municipal, pensouse que o mellor sería optar a unha certificación Starlight pasando as rigorosas probas necesarias para iso, tal e como consta no protocolo da Fundación Starlight.

O Concello contactou entón co recentemente creado Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia (CITMAga), asinando un contrato no 2022 para levar a cabo todas as operacións conducentes á obtención do fin perseguido.

O equipo de traballo ficou constituído polo profesor José Ángel Docobo, catedrático de Astronomía e director do Observatorio Astronómico Ramón María Aller da USC, Pedro Pablo Campo Díaz, doutor en astronomía e investigador do Oarma, e mais o graduado Xabier Pérez Couto.

Elixiuse como punto de observación o Alto do Costado ou de Rodelas na parroquia lalinense de Maceira. Trátase dun vértice xeodésico situado a 743 metros de altitude dende o que se domina unha panorámica de 360 º, sendo de día un magnífico miradoiro dende o que se ven os principais cumios da comarca do Deza e a súa contorna: o Farelo, a serra do Faro, o Candán, o Carrio, e incluso o Pico Sacro cara a Compostela.

E de noite é un lugar privilexiado dende onde se pode contemplar o ceo en todo o seu esplendor, incluíndo unha perfecta visión da Vía Láctea. Loxicamente hai moitos máis lugares nesta zona dende os que se pode observar en perfectas condicións. O equipo de traballo tamén seleccionou o outeiro de Albarellos e o monumento natural da Fraga de Catasós. Durante un ano realizáronse todas as observacións astronómicas necesarias: transparencia do ceo, calidade de imaxe e iluminación cenital, dando todas resultados favorables.

Por outra banda, Lalín conta cunha ampla oferta hoteleira e cun rico patrimonio cultural e natural, polo que nun principio cumpríanse todas as condicións esixidas. Porén, houbo que agardar a pasar dúas auditorías por parte da Fundación Starlight, e tamén a que o Pleno do Concello aprobase adherirse á Declaración de La Palma.

José Ángel Docobo (*) é director do Observatorio Astronómico Ramón María Aller da USC.