Silleda convoca o certame de vídeo Presume de lingua polas Letras Galegas

La Voz LALÍN / LA VOZ

DEZA

18 abr 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Silleda vén de poñer en marcha unha nova iniciativa polo Día das Letras Galegas, cun certame de vídeos creativos en formativo de anuncio publicitario baixo o lema Presume de lingua. Busca promover o uso do galego entre a mocidade e incentivar o interese por coñecer a figura e obra de Luísa Villalta, autora homenaxeada neste ano.

Os vídeos teñen que ter unha duración mínima de trinta e máxima de noventa segundos, gravados co móbil, cámara doméstica ou profesional. A temática debe estar relacionada coa defensa da lingua galega, a literatura galega contemporánea, a escritora Luísa Villalta ou o Día das Letras Galegas. Dáse liberdade creativa nestes traballos audiovisuais, dende ficción a documental a imaxe real ou animación, por exemplo. O texto escrito ou falado que apareza debe ser en galego.

Haberá tres gañadores en función de dous parámetros. Por unha banda, o 50 % da puntuación virá dos «me gusta» recibidos polos traballos a publicar no Instagram do Concello de Silleda. A votación popular será do 13 ao 15 de maio. O outro 50 % será a valoración dun xurado profesional, con criterios de creatividade, orixinalidade, calidade técnica ou impacto emocional, entre outros. Haberá tres premios de 200, 100 e 50 euros en vales para o comercio local. Os vídeos deben enviarse a cultura@silleda.es ata o domingo 12 de maio.