Gonzalo Louzao: «Ao traballo eu nunca lle tiven medo e teño un equipo a tope co proxecto»

Rocío García Martínez
rocío garcía A ESTRADA / LA VOZ

DEZA

miguel souto

O novo rexedor da Estrada será tamén o candidato do PP nas próximas municipais

18 abr 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

No entroido do 2017, Gonzalo Louzao Dono encabezou a comparsa de Guimarei disfrazado de alcalde estradense. Levaba unha banda que poñía «Alcalde XL» e un bastón de mando. Hoxe aquel mozo ten 29 anos e acaba de ser elixido como sucesor de López na alcaldía. En poucos días collerá o bastón de mando. O real.

—¿Foi unha premonición aquel disfraz de entroido?

—Foi. Era unha comparsa que representaba ao Concello da Estrada e a min dixéranme que tiña que ir de alcalde, porque pola altura recordaba a José López. Sempre nos compararon por iso e unha vez ata nos mediron. Foran As Lerchas, no pregón do San Paio. No seu perfil lercheiro dixeron que eu estaba subindo moito e que ía coller ao alcalde. E medíronnos. Eu medía 1,88 metros e o alcalde 2,02.

—E agora que está no seu sitio ¿cómo se sinte?

—Estou aterrando. Teño que asimilalo aínda.

—¿Dálle vertixe?

—Algo. Non o vou negar. Estou aterrando e non dunha altura calquera. A Estrada fóra e dentro é sinónimo de avance, de bo traballo, de bo facer. É unha responsabilidade adquirir a mochila dese gran traballo, continualo e levalo a bo porto. Eu ao traballo non lle teño medo. Boteille horas noutras responsabilidades e agora na alcaldía voulle botar todas as necesarias e máis. Voulle entregar os mellores anos da miña vida a este Concello. Pero sei que teño equipo. Isto require moita dedicación e moito traballo en equipo. Se non hai grupo non é nada. Temos equipo e temos partido.

—¿Sospeitaba que ía ser vostede o elixido?

—Nin de broma. Había tempo que se falaba de que José podía marchar, pero eu non esperaba ser o seguinte alcalde. Nin o pedín eu nin o esperaba. Porque niso tamén son coma José, que tampouco pediu estar onde está, pero ata que o levaron non pararon. Eu tiven a sorte de entrar con José e estaba feliz de estar onde estaba, cos meus compañeiros. José para min é un pai, pola súa xenerosidade. Doume todo ata o final, que confiou en min e me dou a alcaldía.

—¿Cando se enterou de que ía ser o próximo alcalde?

—José chamounos a todos o sábado á noite. Ás nove da noite. Ás nove e media era a cea do Estradense. A min comentoumo na cea, nun aparte. Isto éche como o tema dos cornos. O cornudo é o último en enterarse. O domingo pola mañá eu tiña un acto oficial na Festa do Viñó da Ulla. Despois quedamos José, Alberto Blanco e máis eu e pasamos todo o día xuntos, falando,... Ás oito da tarde tivemos unha reunión con todo o equipo e plantexóuselle a todos.

—¿E como o acolleron?

—Teño que dar as grazas por dúas cousas: pola confianza de José en min e pola xenerosidade de todo o grupo. Eu cando cheguei á política cheguei a un grupo que xa estaba feito de había anos, que sempre é máis complicado. E sempre me axudaron. Iso dáme moita confianza. López é o pegamento que nos une a todos. Todos están a tope co proxecto. Cada un terá as súas ambicións, pero a súa xenerosidade coa causa di moito deles como políticos e como persoas.

—¿Cando toma posesión?

—Para iso temos que ser os 21 concelleiros. Coa renuncia de López somos 20. Cando a xunta electoral central mande a acta de Jessica Rodríguez Calviño tomará posesión ela e despois a corporación elixirá ao alcalde e tomará posesión. Podería ser este sábado, se a acta chega a tempo.

—E xa pensando en futuro, ¿vai ser vostede o candidato do PP para as próximas municipais?

—José López non quería unha transición, senón unha opción a longo prazo. Quería un alcalde que puidera afrontar con solvencia o día a día e as eleccións de maio do 2027.

«Haberá reestruturación de áreas e novo reparto de dedicacións»

—Vostede levaba Urbanismo e Rural, dúas áreas de moito peso, ¿vaise desfacer dalgunha ou de todas para exercer a alcaldía?

—Con todo non vou poder, pero teño un equipo formidable e cunha experiencia marabillosa. Algún terá que dar un paso ao fronte. Na reunión que tivemos con José, el xa llo pediu. El coñece ben os perfiles de todos, así que tamén lle vou pedir eu que me bote unha man para repartir as áreas. Gustaríame que el fose o pai da criatura e me botase un cable na definición da nova estrutura.

—Coa marcha de José Lopez vai quedar libre unha dedicación exclusiva ¿para quen será?

—Ese capítulo tocará a semana que vén. Fomos moi rápidos na transición para que o liderado se asumise canto antes e agora queremos reorganizar todo canto antes para seguir funcionando, pero aínda non está decidido.

—Tamén se está a falar da renuncia de Juan Constenla para acompañar a López na Xunta. Entón xa serían dúas dedicacións libres e máis áreas a repartir...

—Si, pero sobre a situación de Juan non me toca falar a min.

—¿Como vai ser o seu goberno?

—José López tiña un goberno máis presidencialista; o meu vai ser máis coral. Con respecto á oposición, teñen en min unha man tendida. Como persoas son xente estupenda. Teñen que facer o seu traballo, pero eles tamén están por e para A Estrada. Só nos diferencian as siglas e as cores. Agardo que poidamos colaborar e que como corporación teñamos moitos acertos.

—Como pai político, ¿doulle algún consello José López antes de marchar?

—Doume varios e agradézollo moito. Díxome que temos dúas orellas e unha boca e que é bo escoitar máis do que se fala. E iso que el fala moito. Tamén me dixo : «Non sexas eu, sé ti». Doume moitos bos consellos e espero que mos siga dando moitos anos. El e o resto dos compañeiros. Eu son unha persoa moi receptiva. Ninguén nace aprendido e ninguén ten o perfil perfecto. Sempre é bo escoitar á xente que che pode axudar a mellorar.

—¿Como levou este primeiro día como alcalde oficioso?

—Hoxe fixen algo de Urbanismo e algo de Rural, pero sobre todo atendín a toda a xente que veu polo concello ou me atopou na rúa. Aínda teño moitas mensaxes e chamadas por contestar. Prometo contestalas todas. Amalia Goldar comentoume que había unha mesa informativa do cancro na rúa e fomos ela, Carmucha Durán e máis eu. Sentín o cariño da xente. Algún que non me coñecía comparoume con José pola altura. Para min é un orgullo.

—Tamén teñen en común o gusto por estar pegados á rúa...

—Serei mellor ou peor xestor, pero aí é onde eu me sinto cómodo de sempre. Onde hai calquera convocatoria, alí estou eu.