Paulo Vicente Monteagudo, presidente de Rapa das Bestas: «A xuventude ten que coller as rendas e aprender como levar aos animais»

Rocío Perez Ramos
Rocío Ramos A ESTRADA / LA VOZ

DEZA

Cedida

Demanda máis sensibilidade das Administracións fronte a los eólicos

27 dic 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Paulo Vicente Monteagudo recibiu de novo o apoio e a confianza dos veciños, sendo reelixido presidente da asociación Rapa das Bestas de Sabucedo.

—Como foron estes derradeiros catro anos?

—Foron fastidiados porque empecei con moi mal pé. Foi entrar eu de presidente e a primeira rapa xa non a fixen polo covid. Despois veu o ano post pandemia na que aínda había que facer todo ordenado e deu moito traballo. Había que ter menos xente no curro, os concertos tiñan que ser con delimitación de persoas, todo aquilo. E logo, aínda que xa viña de atrás, intensificouse todo o tema dos eólicos e foi unha complicación detrás de outra. Agora agardo ter catro anos algo máis tranquilos, pero con isto dos eólicos e dos proxectos de parques penso que a tranquilidade non vai a existir, pero en fin.

—Que tal os socios e os veciños?

—Moi ben, estou moi contento porque a verdade teño que recoñecer que estou moi ben acompañado, moi ben rodeado e a xente de Sabucedo cando se lle pide que boten unha man, a inmensa maioría a bota e estou moi contento de que podan confiar en min outra vez. Fai uns meses non quería, pero o final fun cedendo e lles dixen que se había que facer un esforzo se facía.

—Falta relevo?

—Non hai moito relevo xeracional e a xente que está na mesma idade o mellor non lle apetece e temos que buscar. Está claro que hai unha xuventude que ten que coller as rendas desto e antes de facelo ten bastantes cousas que aprender respecto aos animais, a xestión e como levar todo isto e cando o collan que o collan preparados. Espero que vaian tomando nota e que vaian xa poñéndose porque isto precisa cambios e que a xente nova se motive para levar isto adiante. Necesitase estar áxil, coñecelos. É un traballo moi agradable si se sabe facer pero se non se teñen os coñecementos pode ser bastante duro.

—Dentro dos obxectivos está ir formando xente?

—Dende logo, se queremos ir formando xente e que se vaia bregando. Teñen coller conciencia do que é a asociación e de que este proxecto é un proxecto de aldea. É todo Sabucedo o que está inmerso nesto e todo Sabucedo o que ten que sentir que esta festa é súa. E iso o que nos mantén sendo un pouco cunha peculiaridade e iso non vai mudar e hai que levalo adiante polos nosos animais e que a xente nova non veza que isto non é só festa. Aloitar é moi bonito de cara á galería pero o importante é o traballo interno, do día a día, de cada fin de semana, de coller o Land Rover e ir a darlle de comer ás bestas, mollar os pés, as botas e encherse de lama.

—Como está a situación dos parques eólicos?

—E ir dando uns pasos para adiante, outros para atrás e non pode ser. Cremos que a Administración debería ter un maior control sobre o que estas empresas van facer e saber que hai especificidades de certos sitios e ter un pouco máis de sensibilidade. Está claro que o desenvolvemento das enerxías renovables está aí e non vai parar, calquera persoa con dous dedos de fronte entende que é necesaria, que hai que descarbonizar, pero o problema está no modelo, como se fai e como se conservan os valores patrimoniais dos pobos e as súas tradicións e non vale todo. Hai certos límites e hai que escoitar á poboación. Débese escoitar máis porque creo que así gañarían moito máis.

—Na asociación seguirá ao fronte a mesma xente?

—Máis ou menos vai seguir a mesma xente porque os equipos que estaban feitos de traballo están funcionando perfectamente e o que se poda revisar e mellorar se fará. Xa viñemos dunha directiva previa de Henrique Bazal que xa se traballaba xa na mesma liña e seguiremos na liña de mellora da cabala do sento, mellora dos animais, mellora do monte, protección do noso monte respecto ás adversidades e seguir traballando con gañas.

—Cal é o reto?

—Sempre é que os animais vivan mellor do que viven agora mesmo. Non teñen unha boa vida porque as condicións do monte non son as mellores e enfróntanse a moitas adversidades. O obxectivo sempre, como asociación, é buscar sempre que as bestas estean mellor e cando as imos buscar para traelas que o estrés sexa o mesmo posible. Que estean o mellor posible. que vivan e procreen en liberdade.

«Precísase darlle unha protección ao cabalo galego»

Dentro da labor que desenvolve a asociación rapa das Bestas, a parte máis importante e que ten que ver cos cabalos en liberdade. Monteagudo apunta que «o cabalo galego de monte en Galicia está un pouco abandonado». No seu caso, di, «nos temos a sorte de estar en contacto coas administracións e están axudándonos a facer os desbroces, e iso é fundamental para nos». Pero «a idea de que o mamífero en liberdade máis grande de Europa este en Galicia, que sexan unha seña de identidade nosa, é algo marabilloso que temos entre nós,. Temos que cambiar a perspectiva. A veces aparecen noticias de que uns cabalos entraron en non sei onde, ou as vergonzosas como a que refiren que apareceron acoitelados 20 bestas en non sei onde». Monteagudo subliña que «temos que entender que é un elemento patrimonial e natural fundamental, e que temos que coidalo e darlle unha catalogación e unha protección». «Si a nivel económico vemos que a vaca é ese elemento central de Galicia: o leite, a vaca, que é ese animal que, de algunha maneira, é esencial na economía de Galicia, temos que mirar que os cabalos son ese animal histórico de Galicia. Por desgraza non ten valor económico, pero si un valor histórico e patrimonial enorme», engade indicando que «non hai moitos petróglifos nos que salgan outros animais que non sexan cabalos».

A poboación vai diezmando e ve preciso un coidado. Entre as ameazas apunta o cambio climático cunhas condicións que afectan a estes animais en liberdade, «e a forma que temos de explotar o monte. O non ter sitios para comer porque se están facendo plantacións; as empresas buscan rendemento e os animais son os primeiros desprazados e temos o problema de roubo de gando, que é enorme e está aí, e os eólicos. Cos parques vanse a abrir pistas de dez metros de ancho e iso vai facilitar que esta xente que rouba o siga facendo pero con moita máis facilidade». Agarda que «a Administración entenda que precisamos algún tipo de medida. Hai 20 anos había o dobre de cabalos galegos que agora no monte e non podemos quedarnos tan tranquilos , pensando que dentro doutros 20 igual volve quedar a metade desto. Eu se fora a Administración non durmiría tranquilo, un día podemos perder todo o que temos».