O Grupo Micolóxico Galego Luís Freire visita os hábitats naturais de Lalín

Alejandro Mínguez
alejandro mínguez LALÍN / LA VOZ

DEZA

Alejandro Mínguez

Tamén farán unha parada turística para percorrer o centro Castrodeza

22 abr 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

O Grupo Micolóxico Galego Luís Freire visita este domingo, 23 de abril, diversos hábitats naturais para o estudo das especies micolóxicas dentro da programación de saídas que realizan ao longo do ano. Dende o colectivo recoñecen que a zona de Lalín é unha das menos visitadas e traballadas, malia a riqueza en variedade e calidade de especies ao longo de todo o ano. Lembran que fixeron unhas saídas parciais nos anos 2002 e 2007 e agora pasarán a xornada completa de campo en Lalín.

Toda a zona do Deza e Tabeirós-Terra de Montes conta cunha gran tradición na materia. Destacan as actividades que se desenvolven na Estrada capital, Couso ou Orazo, pero tamén a festa do cogomelo en Soutelo de Montes, no do Concello de Forcarei. Nos últimos tempos tamén tiveron lugar actividades de divulgación micolóxica en Rodeiro, Agolada ou Silleda. Cómpre destacar a actividade de divulgadores como Mercedes Nodar ou Alberto Granja, que son os formadores na maioría das actividades que teñen lugar no Deza. Vila de Cruces, Dozón e Lalín son os tres concellos con menos actividades de divulgación fúnxica ao longo do ano.

A plantación de especies micorrizadas ou a micorrización de especies adultas é unha práctica que tivo lugar en varios puntos da bisbarra, así como experiencias puntuais de cultivo de cogomelos. O Grupo Micolóxico Galego visitou no ano 1998 Silleda e, un ano despois, Agolada. Tamén contan cunha saída en 2004 a Merza, Forcarei en 2006, A Estrada en 2011 e de novo Silleda en 2015.

Explican dende o Grupo Micolóxico Galego que a mellor época para saír ao campo na procura de cogomelos é o outono, seguida da primavera, pero cogomelos hainos todo o ano. Esta tempada houbo unha primeira parte do inverno moi chuviosa e unha segunda máis seca, pero o substrato na actualidade está húmido, o que propicia a aparición de distintas especies con temperatura suave e a humidade alta. Insisten os expertos do grupo que é imprescindible ter formación para saír a recoller cogomelos. Existen especies de interese culinario mais tamén tóxicas. Cómpre destacar que existen outras actividades relacionadas cos cogomelos que non implican a súa inxesta, como a fotografía, a identificación ou o paseo, que convidan a descubrir.

Habituais da primavera galega son os «Cantharellus cibarius», un cogomelo amarelo-alaranxado, de cheiro afroitado moi aprezado para empregar incluso nas sobremesas. Tamén son frecuentes os «Marasmius oreades» de pequeno tamaño e habitual das praderías, cun pé elástico, utilizado en fresco ou deshidratado para sopas ou revoltos. Neste tempo podemos atopar tamén exemplares tóxicos do xénero «Amanita», pero a seca reduce a presenza micolóxica aos cogomelos das árbores, a maioría non comestibles. A realización de cursos, consulta de libros especializados e saír ao campo en compañía de xente con formación e experiencia en cogomelos son a base para evitar intoxicacións.

Os representantes do Grupo Micolóxico Galego, procedentes das catro provincias galegas, tamén farán unha incursión turística e, ademais de percorrer o monte, farán unha visita aos puntos máis emblemáticos que ofrece Lalín nun domingo, excluíndo Pazo de Liñares e o Museo Ramón Aller, que están pechados ao público.

O programa contempla un paseo pola Fraga de Catasós e un percorrido e comida de campo na carballeira de Rodo. Finalizarán a xornada coa visita a Castrodeza, nas instalacións do concello que preside José Crespo. Precisamente o alcalde recoñeceu nalgunha ocasión a súa afección á micoloxía e que mercara a súa primeira bicicleta trala venda de cogomelos como «Boletus» cando era un adolescente.

Na actualidade, en Galicia está regulada a recollida de cogomelos e a súa comercialización por Decreto Lei que limita a dous quilos a cantidade diaria por persoa, prohibe a recollida en bolsas de plástico e recomenda o uso dun coitelo ou navalla para a extracción completa dos exemplares, tratando de non danar o micelio e deixar o hábitat en bo estado, para preservar esta riqueza natural.

Trinta anos de estudo e defensa do medio e dos cogomelos

O Grupo Micolóxico Galego naceu hai máis de trinta anos, en 1992, na localidade pontevedresa de Lourizán, cuxo primeiro presidente foi o pai da micoloxía galega moderna, Luís Freire, levando na actualidade o seu nome como insignia. Daquel grupo inicial, aínda hoxe están activos nomes relevantes da bioloxía, como Marisa Castro, José Antonio Díaz Núñez Machiño ou Antonio Prunell, membros ademais do comité científico de Voz Natura.

A entidade, na actualidade presidida por Óscar Requejo, defínese como sen ánimo de lucro, independente e científica, dedicada ao estudo, divulgación e defensa do medio natural en relación coa macromicoloxía. Para lograr estes obxectivos, era preciso coñecer toda a xeografía galega e por iso as visitas e saídas son unha regra habitual. Conta con José Rodríguez Vázquez Gaba na vicepresidencia, María Cabaleiro Alfaya como secretaria, Patricia Comesaña Martínez en calidade de tesoureira e Elvira Sahuquillo Balbuena como vogal. Marisa Castro Cerceda é a presidenta de honra.

Máis de duascentas saídas con outras tantas experiencias para constatar a situación medioambiental e micolóxica de Galicia figuran na historia deste colectivo. A visita de mañá a Lalín é a novena que realizan nas Terras de Deza. Moita da información recollida nestas accións está documentada na revista «Mykes», que edita o colectivo e que no 2022 chegou ao seu número 25, que acaba de saír do prelo. Tamén teñen percorrido distintos puntos de Portugal en saídas e actividades de colaboración con entidades lusas en materia fúnxica.

Dende o Grupo Micolóxico Galego traballan para conseguir a implantación en Galicia dun plan de estudo ou formación regrada que permita a existencia de micólogos titulados que ordenen a riqueza natural que constitutúen os fungos; expertos que estean a pé de campo, en comercializadoras ou restaurantes e que garantan a seguridade precisa neste apartado. O departamento de formación da Axencia Galega de Calidade Alimentaria valora a fórmula das certificacións profesionais como modelo para contar con titulados na materia en Galicia de forma inminente, coma os que existen en Madrid, La Rioja ou Navarra.

Tamén traballan na necesidade de implantar o micoturismo como unha realidade económica que permita aproveitar a riqueza fúnxica que hai en Galicia. Explican que existen modelos de «éxito en moitas zonas próximas como en Castela e León».