O violín protagoniza o Concerto das Letras dedicado a Luísa Villalta

G. N. REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Presentación do Concerto das Letras 2024 no teatro Colón.
Presentación do Concerto das Letras 2024 no teatro Colón. Ángel Manso

A peza principal do recital -que se celebrará o 16 de maio no Teatro Colón- será a ópera de cámara «Concerto para un home só», baseada na obra homónima da escritora e froito dunha encarga do Consello da Cultura ao compositor Federico Mosquera

25 abr 2024 . Actualizado a las 23:23 h.

O Concerto das Letras Galegas evocará a faceta musical de Luísa Villalta (A Coruña, 1957-2004), que, ademais de escritora, foi unha recoñecida violinista. Por iso, nesta edición teñen unha presenza moi destacada os violíns e os autores favoritos da homenaxeada. O programa da 14.ª edición —presentado este xoves— quere «unir literatura e música, dous fíos que están na propia biografía e a actividade cultural de Luísa», subliñou Rosario Álvarez, presidenta do Consello da Cultura Galega, entidade que promove un recital que se celebrará na Coruña, cidade natal da poeta. Será no Teatro Colón, o 16 de maio, ás 20.30 horas, na véspera do Día das Letras. E corre a cargo do Grupo Instrumental Siglo XX, a formación de música contemporánea máis antiga de Galicia, que dirixe Florian Vlashi. A entrada é libre ata completar capacidade.

A peza principal é a ópera de cámara Concerto para un home só, baseada na obra homónima da escritora e froito dunha encarga do Consello a Federico Mosquera (A Coruña, 1986), e que conta coa participación de Xosé Barato. Ademais, soarán o Concerto grosso para dous violíns, opus 3 n.º 11 de Vivaldi, e ’Bachian reflex. Präludium und fugue, obra do albanés Edmond Buharaja e que tamén é unha estrea absoluta. Bach e Vivaldi estaban entre os compositores favoritos de Villalta.