A Real Academia Galega mira ao futuro coa súa nova sede: «As formas teñen ideoloxía»

CULTURA

rag
Cedida

O fin da rehabilitación integral do inmoble prevese para o verán do 2025

26 abr 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

«A Real Academia Galega parece Bosnia Hercegovina». Con esta ilustrativa descrición Víctor Freixanes resume a situación actual do inmoble brasonado do século XVIII que acolle a sede da institución encargada de velar pola lingua. As obras que comezaron o pasado verán están no seu ecuador. Estímase que entre a Semana Santa e o verán do 2025 os traballos da rehabilitación integral estean rematados. Aínda que a volta dos empregados e académicos se prolongará un pouco máis, na RAG comezan a ver a luz ao final do túnel desde que no 2015 técnicos do Ministerio de Fomento lles desen o diagnóstico: «Perigo de derrubamentos parciais». Un risco que Freixanes dixo durante a presentación do proxecto «non iamos asumir».

Coa presenza de diferentes autoridades, incluída a de responsables do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, antes chamado Fomento e que financia a intervención presupostada en 2,6 millóns de euros, Víctor Freixanes deu a coñecer xunto co arquitecto Gonzalo Moure os detalles da rehabilitación coa que a sede mudará para sempre. «Estamos nunha etapa ilusionarte. As formas teñen ideoloxía. Queríamos un edificio que expresase unha lingua e unha cultura a través dunha academia con máis de cen anos de historia que lle fala ao futuro, que está instalada no século XXI», remarcou o presidente da RAG sobre «a segunda academia da lingua máis antiga de España despois da Real Academia Española (RAE)», subliñou.

rag.O arquitecto Gonzalo Moure; a presidenta do COAG, Ruth Varela, e o presidente da RAG, Víctor Freixanes
O arquitecto Gonzalo Moure; a presidenta do COAG, Ruth Varela, e o presidente da RAG, Víctor Freixanes CESAR QUIAN

Os traballos que executa a construtora ourensá Extracto son en realidade a segunda reforma integral que afronta o edificio situado na Cidade Vella da Coruña e que as herdeiras da escritora Emilia Pardo Bazán lle cederon á institución a comezos dos 50. O inmoble era a súa casa na cidade e na súa primeira altura seguirá a súa casa-museo. Na década dos 70 Andrés Fernández-Albalat asumiu aquela primeira reformulación da vivenda. Pero os anos pasaron e as paredes de granito xa non eran o suficientemente seguras.

O reto do tudense Gonzalo Moure, o arquitecto que gañou o concurso de ideas, é o de respectar a historia facendo que o inmoble se abra ao público, á luz natural e ao presente. «Es un palacete que tiene cuatro siglos. Esto es como un viaje en el tiempo. La arquitectura es una cuestión de espacio, pero cuando la abraza el tiempo se transforma en patrimonio. Y cuando trabajas con patrimonio hay que decidir qué parte ha de ser transmitida a la siguiente gemación, entendiendo por patrimonio no solo el edificio sobre el que se actúa, sino, en este caso, todo el casco histórico, el patrimonio ambiental que esta constituye», expuxo Moure durante o acto celebrado na casa dos arquitectos, o Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia.

rag

Como adiantaba Freixanes, o interior do inmoble con saída a dúas rúas paralelas desfíxose case por completo. Tanto as escaleiras coma o ascensor cambian de localización e redistribúense as estancias. Na planta baixa seguirá o auditorio, máis diáfano e transparente coas novas paredes de vidro e aceiro; nesta altura ábrese tamén unha entrada pola rúa con vistas á igrexa de Santiago, a máis antiga da Coruña, e á que darán as novas escalas; na primeira planta seguirá a casa museo de Emilia Pardo Bazán, incorporando grandes fiestras de madeira branca dende o teito ao chan, unha metáfora das icónicas galerías galegas; no segundo andar estarán os despachos de presidencia da RAG e os postos dos seus traballadores; no terceiro estarán a biblioteca e arquivo, ademais de espazos para consulta de usuarios e, nas entreplantas cuarta e quinta, cunha cúpula, o depósito museístico. O groso dos fondos continuará no soto.

Moure quixo buscar con este deseño «un diálogo visual» que «valore lo hermoso», como o seu veciño templo románico. Tamén conseguir un «espacio ágil, fácil de habitar» que gaña luz a través dun patio interior renovado. Para o arquitecto este é o seu primeiro traballo na súa casa, Galicia. Profesor de proxectos arquitectónicos desde o 1991 na Escola de Arquitectura da Madrid, firmou actuacións como a nova sede do Colexio de Arquitectos de Madrid ou a sede do padroado do Parque Nacional de Doñana.

rag

«Casi no me creo que esté aquí, para mí es una satisfacción», destaca Moure. Malía que comparado con outras intervencións súas de máis envergadura este inmoble de 1.500 metros cadrados podería semellar un reto máis sinxelo, todo o contrario. «Aquí hacemos un trabajo de filigrana. Cuando cambias la estructura de un edificio de cuatro siglos es como si estuvieras operando a corazón abierto a un paciente de 90 años. Vamos al límite», remarcou sobre a complexidade do proceso.

Futuro da casa museo de Emilia

O remate das obras para o verán do 2025 non significa que a RAG nin a Casa-Museo Emilia Pardo Bazán fixen para esa data a mudanza. No tocante ao espazo dedicado a lembrar e honrar á escritora, Freixanes aclarou que están de momento «negociando co ministerio» como será o deseño do proxecto de musealización.

E, no que atinxe á institución académica, que vive estas obras desde a distancia, instalados de forma temporal nunha nave do polígono industrial de Pocomaco, «unha proba da nosa modernidade», deslizou con retranca Freixanes, semella que esta seguirá sendo a súa ubicación un tempo. Hai que ter en conta que a RAG acubilla máis de 60.000 volumes monográficos, 30.000 documentos en papel ou unhas 100.000 fotografías.