Hemingway e Picasso

CULTURA

Antonio Ordóñez e Ernest Hemingway, retratados en España en 1959.
Antonio Ordóñez e Ernest Hemingway, retratados en España en 1959.

22 abr 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Tense falado pouco da estreita amizade que uniu ó escritor Ernest Hemingway e ó pintor Pablo Picasso, a quen o premio Nobel de literatura visitou algunhas veces en Francia. Había entre eles moitas afinidades e non era a menor a súa paixón polas corridas de touros, cos dous admirando a Antonio Ordóñez e a Luis Miguel Dominguín.

Hai referencia escrita de que, nada máis liberarse París, o 24 de agosto de 1944, Hemingway foi nun jeep á residencia de Picasso na Rue des Grands-Augustins e entregoulle á encargada un regalo moi especial. O escritor leváralle ó pintor unha caixa chea de granadas de man, cunha sinxela anotación que rezaba: «Para Picasso, de Hemingway». A serventa, horrorizada, botouse fóra da casa e negouse a volver entrar antes de que sacasen de alí aquela caixa. Mais Picasso celebrou con bo humor o agasallo do seu amigo norteamericano. E os dous, como outras veces, dedicáronse a compartir lembranzas da súa benquerida España.

Parece ser que foron varias as ocasións en que os dous celebraron encontros, degustando viño, coñac ou augardente. Ata que todo se interrompeu de súpeto cando o gran narrador se suicidou en 1961 en Idaho (Estados Unidos). Así terminaron as súas evocacións compartidas sobre Galicia, Andalucía, Madrid, Navarra ou Valencia. Porque a provincia da Coruña foi un espazo compartido polos dous, cun Hemingway inicialmente seducido por unha Compostela que o apaixonou moito, antes de que comezase en España unha Guerra Civil que xa o centraría en Madrid, con escapadas a Pamplona (polos touros dos sanfermíns) e a varios lugares do sur de España.

Pablo Picasso morreu en Mougins (Francia) o 8 de abril de 1973, despois de toda unha vida liderando unha vertente pictórica sen igual. Un Picasso que non viña a España, non porque llo prohibise Franco —que nunca llo prohibiu—, senón por manter unha especie de «limpeza moral», algo que en ocasións lle reprochou o tamén grandísimo pintor Salvador Dalí, que non entendía aquel «distanciamento sen causa»…, afastamento que si tiña unha causa política para Picasso.