José López: «Hai unha aposta clara por mellorar a relación coa lingua e a cultura en Galicia»

G. Novás REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

O conselleiro José López, a súa chegada ao Consello da Cultura, onde foi recibido pola súa presidenta, Rosario Álvarez (á esquerda).
O conselleiro José López, a súa chegada ao Consello da Cultura, onde foi recibido pola súa presidenta, Rosario Álvarez (á esquerda). Xoán A. Soler

O novo conselleiro de Cultura destacou o firme compromiso da Xunta coa cultura de Galicia na súa primeira visita institucional ao CCG

16 abr 2024 . Actualizado a las 23:34 h.

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López, coñecido ata o momento polo seu desempeño como alcalde da Estrada, debutou este martes coa súa primeira visita institucional ao Consello da Cultura Galega (CCG), onde quixo pór de relevo o firme compromiso da Xunta coa lingua e coa cultura de Galicia. Na sede da institución que alberga o compostelán pazo de Raxoi, López —que asume así a carteira da que era responsable Román Rodríguez— tivo oportunidade de manter un encontro coa presidenta do CCG, Rosario Álvarez. Na visita estaban presentes, ademais, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; o director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; e o xerente do Consello, Marcelino Fernández.

Tras deixar a súa sinatura no libro de honra dunha entidade da que, por certo, é membro nato do plenario, López insistiu en que, desde o Goberno que preside Alfonso Rueda, «hai unha aposta clara por mellorar a relación coa lingua e a cultura en Galicia», e incidiu na importancia do talante de diálogo e de tender pontes para chegar a puntos de encontro.

Resaltou tamén o conselleiro acabado de incorporar o bo momento que vive a cultura galega, e anunciou que se está «en disposición de enfrontar os debates que temos pendentes e, sobre todo, de traballar en beneficio deste sector tan importante para Galicia dunha forma directa». Nesa mesma liña, lembrou o carácter transversal da cultura, que afecta ao resto dos departamentos que configuran o Executivo autónomo.

Pola súa banda, Rosario Álvarez afirmou que a institución está, como ata o de agora, sempre á disposición da consellería para seguir traballando conxuntamente nos importantes retos que se presentan de cara ao futuro. Lembrou neste sentido que, polo carácter asesor e consultivo da institución, está aberta ao conselleiro e ao seu equipo para seguir traballando pola mellora dos dereitos culturais do pobo galego. Así mesmo, valorou que «se abre unha nova etapa». E engadiu: «Celebramos que se poña o acento na cultura, na lingua e na mocidade, tres ámbitos moi importantes para a sociedade galega», en referencia á nova designación da consellería, un departamento que se escindiu da de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, á fronte da cal se mantén Román Rodríguez, que tamén se formou en orixe na canteira da política municipal, no seu caso, como concelleiro no Concello de Lalín.