Tomé Mouriño (De Ninghures): «A quen ten a tradición nun pedestal, o noso pode parecerlle unha aberración»

Javier Becerra
Javier becerra REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

De Ninghures no exterior dos Estudos Mans de A Coruña, onde gravaron «Morena».
De Ninghures no exterior dos Estudos Mans de A Coruña, onde gravaron «Morena». Pavlo Sampayo

De Ninghures acaba de gañar o premio aRi[t]mar á mellor canción galega do ano con «Morena»

13 abr 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

A filosofía artística de picar en diferentes puntos (música galega, cubana, brasileira e saharauí, entre outras) e a dispersión xeográfica dos seus integrantes (uns de Carballo, outros da Fonsagrada e outros de Santiago) levounos a escoller De Ninghures como nome. «Non sabiamos poñer o lugar de fundación do grupo», ri Tomé Mouriño. A banda vén de ser recoñecida co premio aRi[t]mar á mellor canción do ano en Galicia por Morena, un sinxelo con ritmos electrónicos.

—A súa orixe é acústica. «Aquí» (2022), o disco de debut, non ten nin un chisco de electrónica.

—Tiñamos a motivación de facer unha música que fose de aquí, pero para o momento de agora. Non atopabamos moito. Queriamos algo más globalizado e traer músicas doutro tempo e que lle soasen más frescas á xente da nosa idade. E, tamén, un inicio de composicións orixinais e propias do grupo.

—Son unha banda de aquí, pero un pouco estraña?

—Si, totalmente. De feito, hai moito debate. Nós bebemos moito da tradición, pero, a quen ten a tradición nun pedestal, o noso pode parecerlle case unha aberración. Por moito que a uns lles poida gustar, outros detéstano.

—Como está De Ninghures dentro desas tensións sobre como debe ser a música tradicional?

—Nós o que intentabamos era escoitar e facer música de raíz. Sentímonos moi cómodos aí, na apertura da música tradicional, metendo máis guitarras ou un sintetizador, por exemplo.

—No sinxelo «Olliños negros» deron o salto ao Atlántico facendo música caribeña.

—Queriamos experimentar cun son coñecido pola xente. En Galicia, e na Península en xeral, hai moita conexión coa música latina. Tiñamos ganas de facer algo así, con referencias a Buena Vista Social Club e cousas similares. Queriamos saber se eramos capaces, cos nosos instrumentos, de facer algo distinto e abrirnos.

—Considéranse fillos de Milladoiro e Berrogüetto?

—Si, claramente. De aí partimos, pero, logo, as nosas carreiras van por sitios diferentes.

—Sitios coma esa pista de baile, onde «Morena» se encontra cómoda. Son agora outro grupo diferente ao de «Aquí»?

—Como calquera grupo, non sabemos a onde imos. A nosa actitude con Morena era a mesma: intentar experimentar e intentar facer algo novo para saír da zona de confort. Unha vez que empezamos a traballar co produtor, foi mudando todo. Naceu esa canción, que non tiñamos nin idea de que ía ser rompedora e xerar tantas dúbidas respecto á nosa proxección. Para nós era un xogo, un proceso creativo. E incorporamos sonoridades electrónicas nel. Pero a idea sempre é a de defender todo en escena e en gravación con instrumentos que poidan ser tocados. Non será nada pregravado na nosa música.

—É dicir, que non van facer o dos directos de Rosalía.

—Exactamente. Polo de agora non [risas].

—Van tocar este mes no FIV de Vilalba, un festival «indie». Este «Morena» está ampliando o radio de acción do grupo?

—Eu penso que aí tivo bastante que ver. Pero ese concerto vén tamén de que fomos seleccionados hai pouco noutro premio, o Vibra Mahou, que lle dá a posibilidade aos grupos de estar en varios sitios que doutra maneira non estarían. Nós estamos moi contentos. Hai un par de anos falaba con Lucas, un dos meus compañeiros, de que sería incrible tocar no FIV. E, mira, agora estamos aí para poder defender o noso.

—A ruptura de xéneros tamén está afectando aos festivais galegos? Unha banda como De Ninghures no FIV sería impensable hai un lustro. Agora é celebrado pola xente que tamén conecta con Baiuca e Fillas de Cassandra.

—O que dis é algo moi evidente. O panorama galego está tendendo a un concepto global de mestura en moitos aspectos. Nunca teriamos nada que ver con Baiuca, por exemplo, pero si que temos unha esencia parecida. O mesmo que ocorre con Fillas de Cassandra ou Berto. Estamos nun momento de ruptura no que grupos como Tanxugueiras fixeron moito para que así sexa.

—Cren que esta escena actual se verá no futuro como hoxe vemos o folk dos noventa?

—Eu agardo que poida ser así. E que grupos que parten do lugar que parten poidan ser tan respectados coma eses grupos que abriron tantísimo camiño antes.

—O seu segundo elepé incluirá esas novas achegas sonoras?

—Non podemos anunciar datas aínda, pero si dicir que estamos traballando nun novo proxecto con novas sonoridades.

—As que plasmaron en «Morena» terán continuidade?

—Non o podo asegurar. Imos intentar contentar á xente a que lle gusta o que facemos. Ao mellor non é unha morena, pero pode ser unha loura [risas].

—Que supuxo para vostedes ser a mellor canción do ano?

—Foi un voto de confianza ao que estamos facendo e o que temos entre mans. Ás veces, non sabes se vai a gustar o non, pero o feito de que fose una votación con 10.000 persoas foi un golpe moi grande sobre a nosa mesa. Significa que estamos no bo camiño e imos seguir tirando por aí.