A Real Academia Galega estrea a serie web «Luísa Villalta: a rebelión da palabra»

La Voz REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Andrea Quintana e Nuria Vil, na praza do Papagaio, na Coruña, nun fotograma da serie documental.
Andrea Quintana e Nuria Vil, na praza do Papagaio, na Coruña, nun fotograma da serie documental.

Dirixido por Damián Varela Pastrana, o traballo consta de seis episodios nos que máis dunha vintena de voces trazan un retrato coral sobre a poeta, violinista, narradora, ensaísta e articulista que homenaxea o Día das Letras 2024

10 abr 2024 . Actualizado a las 22:13 h.

A Real Academia Galega estreou este mércores Luísa Villalta: a rebelión da palabra, serie web sobre a autora homenaxeada no Día das Letras. Dirixido por Damián Varela Pastrana, consta de seis episodios nos que máis dunha vintena de voces trazan un retrato coral sobre a poeta, violinista, narradora, ensaísta e articulista, unha creadora que cultivou a escoita para entender o mundo e concibiu a literatura como unha forma de transformalo a través da emoción. «A literatura sempre é unha actitude política porque sempre é comunicación. E como sempre é comunicación, quere, desexa conmover, e todo o que conmove transforma», di a propia Villalta (A Coruña, 1957-2004) nun dos materiais de arquivo da CRTVG que incorpora a produción.

«O impulso destrutor / da vida / oferécenos o / medo / como refuxio / único, / mentres / dá cabo / ao seu / traballo / inevitábel. / Mentres, o sosego / da espera, / a emoción da / observación, / a rebelión / oportuna. / A palabra», escribiu a autora semanas antes do seu pasamento no almanaque poético no que estaba a dialogar con poemas de autores universais, publicado postumamente baixo o título As palabras ingrávidas (2020). «Estes versos inspiran o nome da serie e condensan a confianza de Luísa Villalta na capacidade transformadora da literatura. E esa esencia dela queda perfectamente captada nesta narración audiovisual», salienta o presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes. «É un relato que transmite e fai sentir o enorme impulso creativo, a gran curiosidade intelectual, a sensibilidade artística e claro sentido da xustiza da escritora que celebramos este 17 de maio”, engade.

A RAG confiou un ano máis en Miramemira —produtora dos filmes O que arde e O corno— para a realización da obra documental Luísa Villalta: a rebelión da palabra, que se pode ver na súa canle de Youtube e en academia.gal. A cuarta serie das Letras Galegas da Academia (a primeira foi a do Ano Xela Arias) «é seguramente a produción máis ambiciosa, cun marcado ton autoral e artístico, moi acorde coa figura homenaxeada», valora o presidente.

Xunto aos testemuños recollidos, a narración -con guión de Alba Álvarez López- compleméntase coas contribucións artísticas doutros profesionais do ámbito da poesía, a música e as artes escénicas que a arrequecen con recitados, música, danza e mesmo unha adaptación dunha das obras teatrais da escritora, Os dóces anos da guerra (2001). Todos estes elementos contribúen a crear unha atmosfera que recrea «un achegamento á filosofía ou forma de ver a vida de Luísa Villalta», sinala Damián Varela Pastrana. O proxecto levouse a cabo co apoio económico da Deputación da Coruña, a Xunta e o Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades.

Son en total case dúas horas de cinema documental que arrincan da man da irmá de Luísa Villalta, Susana, e a súa nai, María Gómez, e que avanzan cos testemuños de amizades e voces da cultura como Pilar Pallarés, Eva Veiga, Xurxo Souto, Miguel Anxo Fernán-Vello ou as académicas Ana Romaní e Margarita Ledo Andión. No derradeiro episodio intervén Maribel Longueira, a fotógrafa coa que Villalta concibira o poemario Papagaio (2006), unha denuncia da explotación sexual das mulleres e da especulación urbanística arredor do barrio coruñés do mesmo nome. «Luísa anticípase aquí a unha poesía que se vai facer despois, dentro do movemento feminista, e amósalle ao público unha realidade oculta», enxalza Francisco Fernández Naval, autor do prólogo desta obra saída do prelo dous anos despois do pasamento de Villalta.

Ese «desexo de escoita» -expón a académica Ana Romaní- emerxera especialmente a partir de Ruído (1995), un libro que marca «un antes e un despois», coincide Pilar García Negro. «En Ruído ela atópase cun mundo na rúa bastante triste, un mundo difícil, pero ela cre que hai unha posibilidade de salvación que é a muller e a poesía», analiza Eva Veiga. Mais ese pararse a escoitar de Villalta acada a súa máxima expresión dende En concreto (2004) -editado tamén postumamente- «con ese así vou eu, formando parte», matiza Pilar Pallarés. «Formar parte dos outros, eu creo que esa é a gran loita na obra de Luísa. A partir de En concreto a poesía de Villalta lánzase ao mundo dos outros, á contracidade, unha A Coruña, a Cidade Alta, que é a cidade popular, a dos barrios, todo o contrario da cidade oficial. E o máximo da descuberta desa contracidade, da contrahistoria, do contralema é o seu derradeiro libro, Papagaio, a cidade das grandes marxinadas», afonda a poeta coruñesa, compañeira de xeración de Villalta.

Unha banda sonora de e para Luísa Villalta, teatro e danza

Malia dedicarse profesionalmente á docencia -foi profesora de Lingua Galega e Literatura no ensino secundario- e decantarse pola escritura, Luísa Villalta, titulada superior en violín, nunca abandonou a música. Esta é a protagonista destacada das súas primeiras obras -o monólogo teatral Concerto para un home só (1989) e o poemario Música reservada (1991)-, e do rigoroso ensaio O outro lado da poesía, a música (1999), no que debulla a relación entre literatura e música ao longo da historia da cultura galega. E a música é tamén o eixe do episodio 2, Melodía, onde se rescata a voz da autora cantando unha versión do poema Chora fame, do poeta caboverdiano Gabriel Mariano, e o son do seu «violino» -como ela o chamaba- con Escaino, o grupo de folk do que formou parte entre finais dos anos 70 e primeiros 80 do século pasado.

A banda sonora conta ademais coa violinista da Real Filharmonía de Galicia Kiyoko Ohashi, Óscar Silva e o dúo compostelán de electrónica-soul Aparato (Chus Silva e María Caramés), que avanza na serie o tema Amor disxunto, no que lle pon música a un poema de Música reservada.

As artes escénicas emerxen na curtametraxe in medias res baseada na obra teatral de Villalta Os dóces anos da guerra, interpretada no capítulo 4 polas actrices de dobraxe Susana Leis e Cristal Lázare. As artes plásticas intégranse a través da colaxe que abre o episodio 5, creación da guionista da serie; e a danza e a dramaturxia son a cerna do derradeiro episodio, escrito en colaboración coa dramaturga e investigadora teatral Gena Baamonde (gañadora do Premio María Casares á mellor dirección por Elisa e Marcela, obra gañadora tamén do premio Luísa Villalta para proxectos culturais pola igualdade 2017) e mais a bailarina e intérprete Andrea Quintana. Esta última é a encargada, xunto coa poeta Nuria Vil, da interpretación que ten como escenario a paisaxe urbana da Coruña. «Queriamos comprender o que supuxo a cidade para Luísa, atendendo as pistas que a autora nos deixou na súa obra. Luísa foi unha poeta e escritora da cidade, algo non tan común na nosa literatura, e tratamos de deixar moi clara esta idea», comenta o director Damián Varela Pastrana.

Entrevistados

A serie conta cos testemuños de María Gómez e Susana Villalta, nai e irmá da homenaxeada; Rubén Anido e Manuel Pérez, alumnos de Luísa Villalta no IES Isaac Díaz Pardo de Sada; autoras e autores que a coñeceron de preto e outras amizades e persoas que estudaron ou editaron parte da súa obra: Pilar Pallarés, Marga do Val, Ana Pillado, Xurxo Souto, Xosé Luís Martínez Pereiro, Estíbaliz Espinosa, Xosé María Álvarez Cáccamo, Eva Veiga, Miguel Anxo Fernán-Vello, Ana Romaní, Maribel Longueira, Francisco X. Fernández Naval, Armando Requeixo, Alexandrina Fernández Otero, Inma Otero, Pilar García Negro, Margarita Ledo, María Xosé Bravo, Susana Sanches Arins, Lorena Conde e Inés Salvado.