O CDG pon o público no centro da montaxe polos seus 40 anos

Montse García Iglesias
Montse García SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

Función previa á estrea da montaxe «Os actos e as profecías», que contará con 48 funcións.
Función previa á estrea da montaxe «Os actos e as profecías», que contará con 48 funcións. Xoán A. Soler

A compañía pública galega estrea este xoves «Os actos e as profecías», que reúne no Salón Teatro unha vintena de intérpretes

10 abr 2024 . Actualizado a las 18:51 h.

Situar o público no centro. Esa foi a premisa de partida de Os actos e as profecías, o espectáculo central do Centro Dramático Galego (CDG) para a conmemoración do seu 40.º aniversario. Baixo a dirección de Tamara Canosa e cun dos elencos máis numerosos da historia da compañía pública, ao sumar vinte intérpretes, a montaxe bota man dos talent shows para abordar o lugar do espectador na creación, a fama, a competición e as decisións vitais marcadas pola procura do éxito. Este xoves será a estrea, e o CDG ofrecerá 48 funcións ata o 26 de maio no Salón Teatro de Santiago.

Para poñer o público no centro empregan varias estratexias, comezando pola propia transformación do espazo no Salón Teatro, de xeito que os actores e actrices rodeen os espectadores. Precisamente, entre estes e unha das protagonistas da produción xerarase un xogo especial. A todo isto hai que engadirlle que o público se verá mergullado na historia desde distintas olladas. «Ás veces, serán aspirantes; outras veces, concursantes, público de teatro, de televisión...», avanzou a directora, engadindo que cada unha das 48 funcións será única e distinta. Para iso, o espectáculo conta con partes abertas.

«Agora hai un cambio de paradigma: todos somos creadores e creadoras, e pensamos que disto falan moito os talent shows, da posibilidade de que calquera brille, salte ao estrelato. Por iso empregamos este formato, para unir o mundo do teatro co resto das persoas que non son artistas, xa que todos temos soños, aspiracións», afirmou Tamara Canosa, que tamén asina a dramaturxia da peza xunto a Xacio Baño. Nela toman como punto de partida os vagalumes, por esa necesidade de brillar para existir.

De darlle vida a este particular talent show encargaranse Sergio Abelaira, Marta Alonso Tejada, Mónica Camaño, Miguel Canalejo, Isolda Comesaña, Manuel Cortés, Antón Coucheiro, Cou, Iván Davila, Raquel Espada, Xosé Manuel Esperante, Alba Fernández Cotelo, Sara Ferro, Atenea García, Miguel Gendre, Raquel Nogueira Watson, Alba Recondo, Ana Santos Maneiro, Lois Soaxe, Jorge Varandela e Antía Vidal. «É un privilexio estar aquí. Este é un encontro interxeracional», apuntou Manuel Cortés, que definiu a montaxe como unha «comedia sobre a soidade».

O CDG deseñou unha serie de actividades paralelas á peza para que esta «chegue ao maior número de persoas posible». Deste xeito, retornarán os domingos de conciliación, haberá novos programas de colaboración coa Universidade de Santiago e chegarán novas sesións de improvisación co espectáculo como eixe, segundo avanzou o director da compañía pública galega, Fran Núñez. Tamén se poñerán a disposición autobuses desde 30 concellos para facilitar o acceso ao Salón Teatro, lembrou o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, que animou a gozar dun espectáculo que reúne «un equipazo».