Alvariza en uso, en Quiroga, no Courel, nunha foto tomada no 2021.
Alvariza en uso, en Quiroga, no Courel, nunha foto tomada no 2021. Alberto López

14 mar 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Estes días atrás collín unha leve catarreira que, aínda que foi de pouca importancia, me tivo incómodo algo máis dunha semana. Unha leve dor de gorxa, malestar corporal e algo de fatiga sen chegar a ter febre foi a sintomatoloxía. Non sendo estritamente necesarios, procuro non tomar medicamentos para doenzas que non os precisan. O que fixen foi seguir os consellos da casa de toda a vida: tomar bebidas quentes, gardarse, abrigarse e combinar limón con mel. Dese xeito, conseguín botar a molestia do corpo sen necesidade de ter que recorrer á química.

A verdade é que non son un grande entusiasta do mel, e iso que na casa temos un bo arsenal procedente dos Ancares e que é realmente espléndido. É un produto solidificado que hai que raspar para extraelo do bote, cun sabor intenso cheo de matices que a min me trae moitos recordos. Unha desas lembranzas lévame á aldea onde os meus avós tiñan debaixo do hórreo varios cortizos de abellas que lles proporcionaban mel para todo o ano. Aqueles cortizos eran ben rústicos. Estaban feitos de casca de sobreira e teitados cunha tapa feita co barro da zona, que xa tiña ata unha capa vexetal por riba. Cando remataba o mes de agosto era o tempo de recoller o mel.

O meu avó achegábase só aos cortizos cun tizón fumegante co que movía as abellas para coller delicadamente aqueles panais que chorreaban o mel. Eu quedaba a distancia, observando como as abellas se lle pousaban polo corpo sen picarlle, coma se o coñecesen. A verdade é que para min, como rapaz, era un espectáculo ver a escena desa interacción interesada entre el e as abellas.

Na actualidade comezamos a ser conscientes da dramática diminución da poboación de abellas debido a diferentes factores. A deforestación, as prácticas inadecuadas nos cultivos agrícolas, o cambio climático ou a aparición de especies invasoras, como a véspera velutina, poñen en perigo a súa supervivencia. Elas polinizan boa parte dos alimentos que precisamos; de aí que sexa vital incidir no seu coidado. A súa saúde é indicador do que pode ser o noso futuro inmediato, así que é mellor recapacitar sobre isto ca laiarse de algo moito peor derivado dun mundo deteriorado pola súa perda.