A RAG indaga na figura de Andrés Martínez Salazar

G. Novás REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Andrés Martínez Salazar (Astorga, 1846-A Coruña, 1923) presidiu a RAG, dirixiu o Arquivo do Reino de Galicia, promoveu a Biblioteca Gallega de La Voz de Galicia e mais a revista «Galicia».
Andrés Martínez Salazar (Astorga, 1846-A Coruña, 1923) presidiu a RAG, dirixiu o Arquivo do Reino de Galicia, promoveu a Biblioteca Gallega de La Voz de Galicia e mais a revista «Galicia». Arquivo familiar | RAG

Foi un dos membros fundadores da Real Academia Galega, en 1906, e tras o pasamento de Manuel Murguía sucedeuno na presidencia; Pedro López Gómez publica unha aproximación bibliobiográfica

12 mar 2024 . Actualizado a las 22:14 h.

Andrés Martínez Salazar (Astorga, 1846-A Coruña, 1923) foi un dos membros fundadores da Real Academia Galega, en 1906, e tras o pasamento de Manuel Murguía sucedeuno na presidencia, ata a súa propia morte meses despois. Xa gañara antes un oco na historia contemporánea de Galicia como grande editor do Rexurdimento, subliña o actual presidente da institución, Víctor F. Freixanes, que acompañou este martes a Pedro López Gómez, autor de Andrés Martínez Salazar, aproximación biobibliográfica, na presentación deste título da colección Anexos BRAG no Arquivo do Reino de Galicia, entidade da que López, como Martínez Salazar, foi director. Dispoñible en versión dixital de descarga gratuíta na web da Academia, o volume inclúe un capítulo sobre o labor editorial do retratado —que foi tamén libreiro e rexentou unha imprenta— e afonda noutros perfís como o de arquiveiro e o de historiador, como figura destacada da renovación cultural da Galicia de finais do século XIX.

A obra propia de Martínez Salazar atópase dispersa en multitude de periódicos e revistas de carácter tanto divulgativo como científico, e supera os douscentos artigos. Entre as súas achegas como investigador documental, López destaca a proposta biográfica de Mayor Fernández de Cámara Pita, a heroína da Coruña coñecida equivocamente como María Pita; ou os traballos sobre os guerrilleiros da guerra da Independencia. Como editor levou ao prelo numerosos autores do Rexurdimento dende a Biblioteca Gallega (1885-1904), fundada en La Voz de Galicia con Juan Fernández Latorre, e promoveu Galicia. Revista regional de ciencia, letras, artes e folclore; e como paleógrafo e diplomatista publicou, entre outros, o códice galego do XIV Crónica troyana, que «desataría o entusiasmo dos intelectuais galegos dunha e outra beira do Atlántico», indica.

O legado de Martínez Salazar é ademais boa mostra da presenza en Galicia de astorganos e outras persoas de fóra da Galicia administrativa que, unha vez instaladas na terra, fixeron importantes contribucións ao seu desenvolvemento cultural, coincidiron Freixanes e Ramón Villares, tamén presente no encontro xunto á actual directora do ARG, Carmen Prieto Ramos. Outro exemplo disto é o sacerdote Marcelo Macías, amigo da infancia de Salazar, lembra Pedro López.