Traxedia grega para falar de Rosalía e igualdade

M. G. I. SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

Antela Cid e Antón Reixa, en primeiro plano, na presentación.
Antela Cid e Antón Reixa, en primeiro plano, na presentación. Rocío Cibes

Antón Reixa e Antela Cid asinan o último capítulo desta edición do ciclo teatral «Clásicas desfeitas» que se desenvolve na Cidade da Cultura

14 feb 2024 . Actualizado a las 22:20 h.

Darlle unha reviravolta aos clásicos e redescubrilos desde unha nova perspectiva. Ese é o obxectivo do programa Clásicas desfeitas e é o que fan Antón Reixa e Antela Cid para asinar o último capítulo desta edición do ciclo teatral que se desenvolve na Cidade da Cultura. Deste xeito, toman como referencia as traxedias clásicas gregas para falar de Rosalía de Castro e, por extensión, da idiosincrasia galega, así como de igualdade.

Reixa e Cid son os autores, directores e intérpretes das dúas pezas de Míticas pero secundarias, que se poderán ver os días 23 e 24 no Edificio Fontán, no Gaiás. O díptico ábreo A infeliz felicidade e o prezo do aceite, unha proposta teatral na que Reixa relaciona o mito grego de Polícrates con Rosalía de Castro. «A miña peza é unha sátira. Voume a Polícrates porque a Rosalía atribúeselle ese complexo polo que se supón que nunca se chega a felicidade por medo a que esta se vai acabar. E como a Rosalía, tamén se lle atribúe en xeral aos galegos. Pero na peza xa me ocupo eu de poñer as cousas no seu sitio. Vou falar de que temos unha sabedoría preventiva, de que pensamos, e iso non está mal porque nos axuda a interpretar mellor a realidade», afirma. Para a configuración desta peza, o polifacético Antón Reixa contou co director e dramaturgo Quico Cadaval, a poeta Chus Pato e o presidente da Fundación Rosalía, Anxo Angueira.

Moi diferente é a segunda parte do díptico, Tres somos ti, de Antela Cid, xa que unha das condicións que lle puxo Fran Núñez, o director do CDG, ao encargarlle a montaxe era que non intercambiasen entre eles información das súas pezas. «Desde o mesmo momento da proposta o meu foco foi coller os mitos que estaban invisibilizados ou que eran personaxes secundarios e traballar cos roles femininos», detalla a actriz e docente teatral viguesa. Así que comezou a traballar con autores clásicos gregos, como Sófocles e Eurípides, e atopou a tres personaxes de irmás: Ismene, Crisótemis e Políxena, que se converten nas protagonistas dunha peza que apela á igualdade. «Son personaxes secundarias que ben poderían ser protagonistas», afirma Cid, que introduce tamén na peza textos poéticos e música. A escenografía é de Violeta Martínez.