O CDG acelera o comezo de ano

Gracia Novás REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Chusa Pérez, Ángela Ibáñez e Patricia de Lorenzo forman o elenco de «Helen Keller, a muller marabilla?», coprodución de Chévere, Centro Dramático Nacional, Teatre Lliure e o CDG.
Chusa Pérez, Ángela Ibáñez e Patricia de Lorenzo forman o elenco de «Helen Keller, a muller marabilla?», coprodución de Chévere, Centro Dramático Nacional, Teatre Lliure e o CDG.

A compañía de teatro autonómica culminará en abril un intenso programa coa estrea de «Os actos e as profecías», montaxe central do seu 40.º aniversario

02 feb 2024 . Actualizado a las 00:05 h.

O Centro Dramático Galego (CDG) culminará en abril un intenso programa coa estrea de Os actos e as profecías, montaxe central da conmemoración do seu 40.º aniversario. É o colofón dun trimestre no que a acción viaxa alén das lindes da súa sede do Salón Teatro para amosar catro coproducións. Son as tres pezas deseñadas para o ciclo Clásicas desfeitas, que se representarán na Cidade da Cultura a partir de hoxe, e a montaxe Manuela Rey Is In Da House, na que participan Teatro do Noroeste, Centro Dramático de Viana, Teatro Nacional São Joao do Porto, Teatro Nacional Dona Maria II de Lisboa e o CDG, e que chegará ao Teatro Principal santiagués en marzo. Fran Núñez, director do CDG, asina a dirección escénica e a dramaturxia dunha obra inspirada na esquecida historia da actriz galega Manuela Rey, quen na segunda metade do século XIX chegou a ser grande estrela do teatro lisboeta.

Ademais, o Salón Teatro acollerá o 28.º Festival Internacional de Teatro Universitario da USC, unha residencia artística do Teatr Piba, de Brest (Bretaña gala) no marco do proxecto europeo Phone, e a estrea, o 15 de febreiro, de Helen Keller, a muller marabilla?, a nova obra do grupo Chévere —coprodución co Centro Dramático Nacional, Teatre Lliure e o CDG— que indaga a personalidade da activista norteamericana Helen Keller, quen chegou a se converter na primeira persoa xordocega en obter un título universitario (en 1904) en Harvard e nunha pioneira na loita pola igualdade e a xustiza social. En escena estarán Patricia de Lorenzo, Ángela Ibáñez e Chusa Pérez, coa dirección de XRON.

O ciclo Clásicas desfeitas —promovido polo CDG e a Cidade da Cultura— consolídase, logo de catro anos e once producións, como unha innovadora aposta de apoio á creación que permite redescubrir obras e autores da literatura galega e universal baixo unha ollada escénica contemporánea. Nesta edición, preséntanse tres propostas: Hamlet, o de Cunqueiro, creada polos profesores da Universidade de Vigo Beatriz Legerén e Antonio Pena a partir do texto O incerto señor don Hamlet, de Álvaro Cunqueiro, mesturando a linguaxe escénica e a interactividade propia dos videoxogos, para construír unha obra inmersiva e itinerante na que o público participa directamente no avance da trama. No traballo escénico destaca a colaboración da compañía Boccaccione de São Paulo e o grupo galego Marinita y sus Maromas. As funcións serán hoxe e mañá, ás seis e ás oito da tarde.

Antela Cid e Antón Reixa serán os seguintes, para traballar como autores, directores e intérpretes totais no seu díptico Míticas pero secundarias, que pechará o proxecto recuperando figuras descoñecidas da literatura grega clásica como protagonistas nun formato que integra o musical e o audiovisual. A infeliz felicidade e o prezo do aceite, de Reixa, e Tres somos ti, de Cid, presentaranse a fin de semana do 23 de febreiro.