Flores en Santiago para Valle-Inclán e Díaz Pardo, creadores «que xeran cohesión» e que «nos seguen facendo medrar»

Montse García Iglesias
Montse García / LA VOZ

CULTURA

PACO RODRÍGUEZ

Representantes institucionais e colectivos participaron este venres en Boisaca no acto de lembranza con motivo do aniversario do pasamento de ambos intelectuais

05 ene 2024 . Actualizado a las 21:44 h.

O 5 de xaneiro de 1936 falecía en Santiago o creador do esperpento, Ramón María del Valle Inclán. Na mesma data, pero do ano 2012, producíase o pasamento doutra das figuras claves da cultura galega, Isaac Díaz Pardo. Un par de metros separan os seus restos no cemiterio compostelán de Boisaca, onde este venres coincidindo co aniversario da súa morte foron lembrados por representantes institucionais e sociais cunha ofrenda floral. «É un acto sinxelo pero moi significativo. Poñemos de manifesto a capacidade que ten a cultura para estruturar, para xerar cohesión na sociedade», manifestou o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez. Con anterioridade, a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, fixo fincapé en que os dous creadores galegos «séguennos facendo medrar desde o punto de vista intelectual, persoal e colectivo como comunidade, como comunidade galega e, de xeito particular, a esta comunidade que somos a veciñanza de Santiago».

Ao acto de homenaxe a Valle-Inclán instaurado en Santiago despois dun acordo plenario da corporación en 1985, engadíuselle unha lembranza nos últimos anos tamén a Díaz Pardo. Deste xeito, tanto a alcaldesa en nome da corporación de Santiago como o conselleiro e o director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, en representación da Xunta depositaron en primeiro lugar dous ramos sobre a tumba do intelectual galeguista. Despois, sobre a lápida de Valle-Inclán aos ramos do Concello de Santiago e a Xunta, uníronselle os dos concellos de Vilanova de Arousa, A Pobra do Caramiñal e Cambados, así como o do Foro Galicia e Valle-Inclán.

A rexedora compostelá lembrou a especial vinculación con Santiago do autor de Luces de bohemia ao formar parte «desa efervescencia cultural que sempre tivo a cidade». Incidiu, ademais, en que se trata «dunha figura central desde o punto de vista literario e cultural, pero tamén do persoal» que contribuíu «de maneira decisiva a formar a estética literaria de Santiago».

Goretti Sanmartín tamén tivo palabras de lembranza para o polifacético galeguista Isaac Díaz Pardo, «unha persoa xenerosa, amigo da súa cultura e defensora da nosa terra, que sempre traballou a prol da memoria histórica, da necesidade que houbera unha memoria colectiva».

Pola súa banda, o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, resaltou que coa ofrenda floral estase lembrando a «dous grandes creadores nacidos en Galicia». Nese sentido, engadiu que «un pobo que honra aos seus, a aqueles que o merecen polo seu traballo, traxectoria e pola súa xenialidade creadora, tamén se honra a si mesmo». Recordou que tanto Valle-Inclán como Díaz Pardo, «teñen destacado e moito, non só en Galicia, senón tamén a nivel internacional».

Á ofrenda floral tamén acudiron, entre outros, un dos netos de Valle, Xaquín del Valle Inclán; membros dos distintos grupos da corporación de Santiago —tanto do bipartito BNG-Compostela Aberta como do PP e o PSOE—, representantes dos concellos de Vilanova de Arousa, da Pobra do Caramiñal e Cambados, así como da Asociación Amigos de Valle-Inclán e do Foro de Galicia e Valle-Inclán.