Publican dous romances inéditos de 1935, un deles dedicado a Castelao

Alfredo López Penide
L. Penide PONTEVEDRA / LA VOZ

CULTURA

Ramón Leiro

Foron realizados por membros do Seminario de Estudos Galegos

23 nov 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Romance de unha fatal ocasión e Tibi Bastianus Imperator Peruensis son os títulos de dous romances humorísticos ata agora inéditos realizados por membros do Seminario de Estudos Galegos en 1935 cuxa edición facsimilar foi presentada este mércores polo Museo de Pontevedra. Ambas obras están editadas nunha carpeta que, ademais, conten sendos estudos introdutorios realizados por María Jesús Fortes Alén, responsable da área de Documentación desta institución cultural, mentres que a transcrición dos textos correu da man de Eva Pena Rodríguez, técnica do Arquivo Documental do Museo.

Desde esta entidade destacaron que Romance de unha fatal ocasión é un exercicio literario con caligrafías e ilustracións de varios membros do Seminario de Estudos Galegos, aínda que o estudo de Fortes Alén defende que a autoría do conxunto sería de Xosé Filgueira Valverde. Trátase dun texto dedicado a Castelao, que acababa de ser desterrado a Badaxoz, aínda que a dedicatoria esténdese aos tamén ausentes Alexandre Bóveda, tamén castigado en Cádiz, e Robustiano Fernández Cochón. O manuscrito orixinal gárdase no Arquivo Filgueira Valverde do Arquivo Documental do Museo.

No que respecta ás ilustracións, pódese observar o traballo de Vicente Risco, Manuel Gómez Román, Hermida e Laxeiro, que ilustra a portada. Dende o Museo inciden en que os versos teñen a caligrafía dun nutrido número de membros do Seminario, caso de Florentino López Cuevillas, Risco, Xaquín Lorenzo, Xocas, Xosé Ramón Fernández-Oxea, Ben-Cho-Shey, ou Antonio Iglesias Vilarelle, entre outros.

Pola súa banda, Tibi Bastianus Imperator Peruensis amosa características similares ao Romance de unha fatal ocasión. Neste caso, trátase dunha obra que non se coñecía publicamente ata que este ano foi doado por Juan Manuel González Lamela, fillo de Sebastián González García-Paz. De feito, é a este membro do Seminario de Estudos Galegos a quen lle dedican a composición dous amigos e compañeiros do Seminario de Estudos Galegos: Xosé Ramón Fernández-Oxea Ben-Cho-Shey e Xaquín Lorenzo, Xocas.

Así, o primeiro é autor dun texto datado no 15 de xullo de 1935 e que remite na temática á tradición tardomedieval, algo que «tamén se reflicte na coidada caligrafía», mentres que as ilustracións de Xocas representan aos personaxes do poema: unha moura encantada, o propio Sebastián González e o seu profesor, o furibundo Abelardo Moralejo, na forma dun dragón.

A presentación da edición facsimilar dos romances estivo acompañada pola estrea dunha adaptación teatral a cargo de Quico Cadaval do Romance de unha fatal ocasión. O resultado é unha peza para monicreques e cantar de cego, segundo destacaron dende o Museo, na que Cadaval estivo acompañado en escena por Larraitz Urruzola, responsable dos monicreques, e Francisco do Romualdo, encargada das músicas e cantos. O propio Cadaval destacou que é unha crónica daqueles días, en versos de desigual inspiración, para aledar as saudades de Castelao.