Galicia terá o seu Centro de Artes Dixitais no 2025

alberto lorenzo REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

La Voz

O espazo compostelán proxectado pola Xunta pretende impulsar a creación xurdida nunha contorna como a actual cun edificio que prevé o cambio constante

07 nov 2023 . Actualizado a las 11:14 h.

Finais do ano 2025. Esa é a data prevista para a posta en funcionamento do Centro de Artes Dixitais. Situado en Santiago e impulsado pola Xunta, ocupará un espazo en desuso da Cidade da Cultura, soterrado e cunha superficie ampla. Nace coa vocación de converterse nun lugar de exhibición artística de referencia en todo o país, pero tamén de creación. Sobre el falaron na redacción de La Voz os principais protagonistas dun proxecto que pretende ser un punto de referencia da cultura galega vinculado ás novas tecnoloxías.

«A idea é ter unha infraestrutura cultural onde vai ser posible desenvolver un proxecto de exhibición arredor da tecnoloxía, da cultura; e tamén de creación dentro de ese ámbito, do que entendemos por artes dixitais», indicou na exposición Anxo Lorenzo, director xeral de Cultura da Xunta. «Esa é a idea principal: ter un lugar, un espazo de creación e exhibición de todo o que ten que ver coa cultura e coa tecnoloxía», engadiu. Pola súa banda, a directora xerente da Fundación Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez, defendeu o carácter excepcional da infraestrutura: «Existen moi pouquiños centros de arte dixital no territorio nacional. En realidade, hai basicamente dous centros de exhibición. Galicia e o sector cultural queren estar innovando, á vangarda. Temos que conseguir que este tipo de contidos non entren na nosa comunidade despois de pasar polo resto do territorio; por iso, a idea dun punto de creación e distribución. Isto fainos realmente pioneiros aquí, porque temos esa parte creativa que non teñen eses outros dous centros de exhibición que hai no resto de España».

A construción do centro vai na liña da estratexia dixital aprobada a nivel xeral na Xunta, que incluso prevé a xeración dun marco lexislativo. «Estamos vendo a posibilidade de ter unha normativa vinculada coa cultura dixital de Galicia, que sería unha norma con rango de lei pensada para impulsar o proceso de dixitalización da cultura», sinalou Ana Isabel Vázquez, quen tamén falou de prazos para levar a cabo a obra: «Hai unha licitación que xa está rematada. Unha empresa gañou o concurso para poder facer a obra, e con esta empresa sentarase a Cidade da Cultura para establecer o calendario. Agora, o que toca é empezar estes traballos. A partir dese plan de usos que está mais ou menos claro hai que empezar a obra. Hai xa un predeseño de a onde queremos chegar, tanto a nivel arquitectónico, a nivel urbanístico, como a nivel deses espazos que haberá». Afectarán ao funcionamento da Cidade da Cultura? «En principio non. As obras realizaranse na parte soterrada, que non é parte do edificio frontal, senón unha parte anexa. Están xa empezando; a empresa adxudicataria xa ten o proxecto. Están situando as casetas de obra. A única molestia será que haberá unha parte do aparcadoiro que non se poderá usar durante as obras», dixo Vázquez.

Alberto Redondo, o arquitecto responsable do proxecto, falou del tamén: «Vaise localizar nun espazo que xa existe, un espazo soterrado que pertencía á estrutura do edificio do teatro que non se chegou a construír. Das estruturas que aí quedaron, unha delas acondicionouse para o edificio Fontán, que se acabou hai pouco. Quedaba unha zona soterrada ao leste, de 4.400 metros cadrados, que é a que se vai acondicionar para albergar esta estrutura». Esta circunstancia, lonxe de ser un inconveniente, ten varios puntos positivos, dende a perspectiva de Antonio Maroño, arquitecto da Fundación Cidade da Cultura: «Ten a evidente vantaxe de utilizar o que xa tes, unha estrutura que xa estaba construída, e de estar conectado co resto de edificios. Sempre falo da Cidade da Cultura como un só edificio grande, por canto depende, se alimenta e se xestiona dende unha central de produción de calor, de frío, de seguridade e de mantemento. Por iso, aproveitar estes 4.400 metros cadrados xa feitos hai anos, darlles outra vida e podelos conectar a todos estes servizos fai que sexa máis doado que funcionen, que se manteñan, que usen eficientemente a enerxía, alén doutras consideracións coma a economía circular. Da demolición de estruturas utilizáronse elementos. Está aí esa filosofía dun único proxecto no que se van integrando partes que, por ser partes dese todo, xa teñen as vantaxes de estar imbricadas, conectadas e alimentadas».

Aínda que o espazo non estivese pensando na súa orixe para albergar un centro destas características, adáptase moi ben á súa nova función. «Require un control da luz total, e, ao estar soterrado, ilumínase practicamente con iluminación artificial —sostivo Redondo—. Despois, está o tema do illamento, tanto térmico como acústico. É un espazo soterrado, pero que, ademais, está cuberto en parte por xardín cun espesor duns 80 centímetros: acusticamente está perfectamente illado xa sen facerlle nada. E, ao estar envolto por terra, é termicamente moi estable». Baroño engadiu outra vantaxe: «Está contiguo a un edificio que está xa funcionando. Ten as dificultades de ter que facerse convivindo coa utilización do complexo. Pero as vantaxes son moito mais importantes».

Para dar resposta ás demandas de accesibilidade, o Centro de Artes Dixitais emprega numerosas ramplas. «Pola súa propia configuración, é moi elástico, porque hai salas que son reconfigurables —explicou Baroño—. Ten un espazo de recepción adaptable tamén como zona de exposición e interacción dixital. Despois, pasa a unha zona de realidade virtual, que pode ser subdividida en espazos para ter experiencias diferentes, e hai espazos de servizos como laboratorios de luces on e espazos destinados a ser adaptables a eses pequenos grupos. E, logo, hai unha sala de máis altura, máis grande, na que o propio marco físico pasa a formar parte da experiencia. O elemento que ten que aparecer nunha superficie peonil é un ascensor, para garantir a accesibilidade a ese novo espazo subterráneo. Ese pequeno inmoble tamén servirá como unha especie de anuncio cara a onde te encamiñas. Practicamente será imperceptible, porque no perfil dos edificios non se sumará ningún volume novo, pero si aparecerán algúns elementos axardinados».

Unha mutación constante

Redondo subliñou o carácter mutable e voluble co que se concibe o edificio ante os retos que pode traer o futuro: «Ten que ser moi flexible e permitir eses cambios. Debe ser unha infraestrutura que se poida acondicionar facilmente para realizar instalacións e variacións. Basicamente iso, son tres grandes espazos: un de acollida, entrada e un vestíbulo, que tamén funciona como espazo multiúsos; outro para realidade virtual, que, ademais, ten espazos conectados; e unha sala de maior altura para temas de proxeccións en gran formato. A edificación incorpora unha zona entre o Fontán e o novo centro que dea servizo aos dous edificios para almacenaxe, acceso de materiais». Visualizando o final, fala da outra cara da Cidade da Cultura: «É esa infraestrutura soterrada que hai para acceder a cada edificio; aos edificios non se accede con automóbiles, senón por debaixo. É unha construción que esteticamente ten moito interese porque está moi ben feita. É de formigón, ten uns piares potentes de formigón cilíndrico, é un espazo que interesa de por si. Traballar dentro del vai estar moi ben».

«O dixital achega unha accesibilidade que o patrimonio nunca tivo»

Unha vez que o edificio estea construído, este deberá encherse dun contido que xa existe. «Se pensamos no noso día a día, que estamos constantemente conectados nun entorno dixital, en realidade a cultura tamén ten que estar nese espazo», reflectiu Miguel Ángel Cajigal, técnico do servizo de educación da Cidade da Cultura. «Temos como unha visión ás veces un pouco difusa de que é isto das artes dixitais —engadiu—. Pero basicamente é a creación en contornas dixitais. Non é necesariamente realidade virtual ou tecnoloxía inmersiva, porque tamén o son é dixital, o tacto é dixital… Pódese dixitalizar calquera aspecto da realidade. Entón, os contidos son o tipo de contidos culturais habituais, pero adaptados a esta nova realidade en que estamos inmersos cada día desde que nos levantamos pola mañá, e na que o primeiro que facemos é mirar o teléfono, quen nos chamou, algo que nos mandan por WhatsApp… Podemos aproveitar iso que non se está a aproveitar actualmente para poder potenciar calquera tipo de contido dixital, calquera tipo de contido cultural que é susceptible de traducirse. É dicir, unha tradución dixital dos contidos culturais».

Fátima García Doval, xefa do Servizo de Coordinación Estratéxica e Innovación da Consellería de Cultura, pensa que a proposta vai dirixida a todo tipo de público, xa que a arte dixital reflicte a vía tal e como é no ano 2023: «A nosa vida xa é dixital, estamos continuamente conectados a contornas dixitais: erguémonos pola mañá e miramos o móbil, a música que consumimos maioritariamente é dixital. Se todo o mundo vive en contextos dixitais, os contidos dixitais deste centro serán para todas as persoas. Cun plus extra, a tecnoloxía fainos posible diversificar os modos de acceder a eses contidos dun xeito moi sinxelo. Estamos pensando, por exemplo, que é moito máis fácil incluír un audio de descrición para unha persoa cega nun contido dixital que ao mellor unha instalación tradicional. Ou facilitar o acceso táctil a certas montaxes para certas persoas que necesitan tocar ademais de ver. Por suposto, para rapaces e mozos, pero non só para mozos, que é algo que ás veces se pensa: a arte dixital é para a mocidade, como parece apuntar esa frase tan manida e tan falsa dos nativos dixitais. Non é só para nativos dixitais. Temos como experiencia que moitas persoas maiores que nunca se achegarían a unha realidade virtual se están achegando a través destes contidos. Para quen? Para todas as persoas, porque todas as persoas hoxe somos dixitais».

O exemplo do Galiverso

Nese sentido xa existe algún exemplo coñecido. É o caso de Galiverso. Na opinión de Doval, podería ser o aperitivo do que virá co Centro de Artes Dixitais: «Debería funcionar case como un teaser, como un pequeno tráiler do que pode ser o centro». Cagijal pon o acento na gran cantidade de patrimonio non accesible que ten aquí una fiestra moi atractiva: «O elemento dixital achega unha accesibilidade que o patrimonio nunca tivo. Se ti queres visitar o pico máis alto de Galicia, o espazo máis profundo de Galicia, ou queres entrar nunha cova na que normalmente non se pode entrar, todo iso non o pode facer a maioría da xente, en realidade está restrinxido a un grupo moi pequeno, incluso xente da ciencia que só entra aí. A tecnoloxía dixital permite abrir iso a todo o mundo, para que calquera persoa nunha escola ou nun centro de maiores poida acceder a ese patrimonio. Iso é algo completamente novo. Esa é a potencialidade. Xa estamos mergullados nesa potencialidade: imos de camiño ao traballo no autobús e estamos escoitando música, e podemos escoitar o que queiramos. Iso antes non pasaba, tiñas ir co walkman, e, cando as pilas se gastaban, empezabas a escoitar todo moi raro, moi lento. Ese tipo de accesibilidade é a que se busca co Centro de Artes Dixitais. E a conexión entre isto e o patrimonio cultural penso que é moi evidente».

Se o espazo pensa na mutabilidade dende a súa concepción, o contido xa asume que debe estar suxeito a una evolución constante: «A idea que temos é a idea que temos coa tecnoloxía de hoxe. Pero pensemos hai un ano, cando a intelixencia artificial discursiva, ChatGPT, estaba aparecendo. Estourou nas redes en febreiro-marzo deste ano. E o cambio brutal que temos no mundo dixital con ChatGPT e outros chatbots cambiou totalmente o modo en que nos relacionamos coa arte dixital. Vincúlanse con intelixencia artificial xerativa para imaxes ou para vídeos. Entón, todo o que puidésemos ter en mente o ano pasado por estas datas mudou este ano, e isto asumimos que nos vai a pasar constantemente en adiante».