As artes escénicas galegas viaxan a Colombia

G. N. REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Foto de familia da reunión de traballo de representantes da Agadic e a escena galega.
Foto de familia da reunión de traballo de representantes da Agadic e a escena galega.

Ainé Producións, Elefante Elegante, Fran Sieira Compañía de Danza, Ibuprofeno Teatro e Pistacatro actuarán nos festivais de teatro de Manizales e Medellín

17 oct 2023 . Actualizado a las 17:59 h.

As artes escénicas galegas viaxan a Colombia como protagonistas dos festivais de Manizales e Medellín, nos que Galicia é territorio convidado este ano. A delegación do país conformarana as compañías Ainé Producións, Elefante Elegante, Fran Sieira Compañía de Danza, Ibuprofeno Teatro e Pistacatro —que acaba de recibir o Premio da Cultura Galega no ámbito da escena—, que viaxan esta semana alén do Atlántico para actuar tanto no Festival Internacional de Teatro de Manizales —mostra decana en Iberoamérica, que dá comezo esta fin de semana— como na sexta edición do Festival Teatro y Música Comfama San Ignacio de Medellín —que arranca o día 30.

En representación da Xunta —que coordina e apoia economicamente a participación dunha delegación artística e institucional nestes certames—, o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, reuniuse cos representantes das cinco formacións para ultimar os detalles da viaxe, en diálogo coa asociación Escena Galega. A colaboración supón a acción clave do programa autonómico de proxección exterior das artes escénicas.

Na xuntanza estivo o director do Centro Dramático Galego (CDG), Fran Núñez, quen forma parte desta misión e que intervirá no quinto Congreso Iberoamericano de Teatro, que se celebrará en Manizales de xeito simultáneo ao festival e que xirará en torno á relación das artes escénicas coas poéticas e políticas a prol da paz social.

A escolma realizada directamente polos responsables dos festivais colombianos reflicte a ampla variedade de xéneros e estilos da escena galega actual con propostas teatrais como Continente María, na que Ainé, en coprodución co CDG e o Concello da Coruña, evoca a figura de María Casares; Alma de tigre, na que Elefante Elegante saca á luz os segredos dunha familia coa memoria, os afectos e a herdanza no eixe da historia; e o futuro distópico de O mel non caduca, de Ibuprofeno Teatro. En danza, a representación galega recae en Fran Sieira e a súa compañía co espectáculo de baile e música tradicional DeMente, que pon o foco na saúde mental, e en circo, Pistacatro viaxa con Orquestra de malabares, un espectáculo que mestura a música co ballet aéreo dos malabaristas.

Galicia toma o testemuño de Chile, Arxentina ou o País Vasco como territorio convidado en Manizales, que celebrará a súa 55.ª edición entre o 20 e o 28 de outubro. A continuación, esta mesma delegación artística desprazarase ata Medellín.