Rafael Fernández Lorenzo gaña o Raíña Lupa con «As pedras verdes»

La Voz REDACCIÓN

CULTURA

O escritor Rafael Fernández Lorenzo.
O escritor Rafael Fernández Lorenzo. Distrito Xermar (Alberte Sánchez) / AELG

A novela narra a conquista de América dende un novidoso punto de vista, que tamén aborda a violencia, a vulnerabilidade e o medo

11 oct 2023 . Actualizado a las 21:23 h.

O escritor Rafael Fernández Lorenzo acadou este martes o premio de literatura infantil e xuvenil Raíña Lupa coa obra As pedras verdes. O galardón, que convoca a Deputación da Coruña, está dotado con 6.500 euros e a publicación da obra vencedora.

Segundo informou onte a institución provincial, As pedras verdes é «unha novela que conta a conquista de América desde un punto de vista pouco habitual cun relato no que a violencia, a vulnerabilidade e o medo son tamén temas centrais».

Pola súa banda, o xurado destacou da obra premiada «o tratamento da diversidade lingüística e a creación dun mundo fantástico propio para achegar ao lector unha cultura indíxena de ultramar a través dun exercicio literario moi evocador». O xurado estivo presidido pola deputada de Cultura, Natividade González, e composto por Tamara Andrés, Elvira Ribeiro, Miguel López El Hematocrítico, Arancha Nogueira e o gañador da anterior edición, Lois Pérez.

O eido da literatura infantil e xuvenil centrou boa parte da produción de Rafael Fernández Lorenzo (Cangas, 1962). Estudou Traballo Social e, ademais da súa obra literaria, é colaborador en diversas revistas e medios como crítico literario.

Entre as súas obras figuran títulos como O ladrón de voces, As flores do meu amigo, As carriolas do mencer e Cocotibur. Varios destes libros, e outros como Son media ducia e parecen cen, foron traducidos a idiomas como o éuscaro, o castelán e o portugués.

Bernardino Graña

Ademais, Fernández Lorenzo abordou a figura de Bernardino Graña, xa que asinou xunto con Héitor Mera o libro Conversas con Bernardino Graña. Ao poeta de Cangas tamén lle dedicou outro persoal libro, unha sorte de Abecedario, ao igual que a outro autor clásico das letras galegas, Ricardo Carvalho Calero.