Carlos Blanco: «Domingo Villar pedírame actuar en 'Síbaris' no papel do axente literario»

Jorge Lamas Dono
jorge lamas VIGO / LA VOZ

CULTURA

A montaxe de «Síbaris» foi presentada na taberna Eligio de Vigo, un espazo clásico na obra e na vida de Domingo Villar, e que reuniu a parte do equipo teatral, editores, a viúva e amigos do autor.
A montaxe de «Síbaris» foi presentada na taberna Eligio de Vigo, un espazo clásico na obra e na vida de Domingo Villar, e que reuniu a parte do equipo teatral, editores, a viúva e amigos do autor. M. Moralejo

Co intérprete arousán como actor principal, Vigo estreará este sábado o texto teatral do creador de Leo Caldas

28 sep 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

«Es mucho Domingo Villar», di Ofelia Grande de Andrés, directora de Ediciones Siruela, para referirse a Síbaris, a única peza de teatro realizada polo creador do inspector Leo Caldas. O Teatro Afundación de Vigo acollerá os próximos sábado e domingo as dúas primeiras representacións da derradeira obra escrita por Domingo Villar (Vigo, 1971-2022) no que será o inicio dunha xira que percorrerá Galicia e rematará con seis funcións en Madrid. Lois Blanco é o director desta montaxe, que ten como actor principal a Carlos Blanco e conta no elenco con Belén Constenla, Oswaldo Digón e Pablo Novoa, que ademais de asumir un rol secundario pon a música en directo. «Houbo dúas fases na posta en marcha deste proxecto; a primeira, coa participación do propio autor, e a segunda, por desgraza, sen el», explica Lois Blanco, que é a primeira vez que dirixe ao seu pai en escena.

«A min, Domingo pedírame actuar na obra no papel de Marcus, o axente literario [do escritor protagonista, Víctor Morel]», relata Carlos Blanco. Cando el e mais o seu fillo aceptaron levar o texto ás táboas, houbo unha primeira adaptación do orixinal, un reaxuste, xa que Villar recortou a duración para cinguirse a un tempo de representación aproximado de hora e media. Esa versión vén de publicarse, en galego, en Galaxia e, en castelán, en Siruela.

Durante a presentación do proxecto, que tivo lugar na tasca viguesa Eligio, centro de operacións literarias do policía Leo Caldas, todos os presentes destacaron o fino humor de Domingo Villar, que queda reflectido en Síbaris. «Pasar un buen rato» foi o obxectivo do autor cando enfrontou a escrita do texto, tal como recordou a súa viúva, Beatriz Lozano, que ademais recoñeceu que foi incapaz de ler o libro «porque iba a encontrar por todas partes el mundo de Domingo». Carlos Blanco, que incidiu na comicidade da peza, ve no texto características de Woody Allen e da mellor comedia contemporánea, ao tempo que subliña a minuciosidade do escritor.

Comedia

Trátase dunha comedia que xira arredor dun aspecto biográfico de Villar, o parón creativo que sofren os escritores nalgún momento das súas carreiras. O propio autor de O último barco pasou varios anos sen publicar, aínda que, neste aspecto, a súa viúva o atribuíu ao carácter esixente do seu marido máis cá unha situación de baleiro creativo.

Sen querer desvelar moito máis do desenvolvemento da peza teatral, Lois Blanco engade que hai na obra elementos propios da escrita de Villar, como unha certa trama de investigación policial, así como que os personaxes son claros e teñen moita naturalidade. El e o seu pai puxeron de relevo a colaboración de Pablo Novoa. O excompoñente de Golpes Bajos non só fai música en directo, co seu característico son de guitarra, a banda sonora da obra, senón que tamén participa no elenco. «Rouba escena co seu papel secundario», non dubida en afirmar Lois Blanco.

Carlos Blanco tamén quixo destacar o traballo de Belén Constenla e Oswaldo Digón, cuxa profesionalidade á hora de afrontar os seus respectivos textos permitiu «chegar relaxados» á estrea do espectáculo en Vigo.

«Imos empregar micrófonos disimulados para que todos os espectadores poidan escoitar ben os diálogos, porque hai momentos nos que temos que falar por enriba da música de Pablo Novoa», advirte o actor arousán. Tamén adianta que hai un intre na obra moi delicado polo sensible da situación, xa que o propio Villar describe a morte dun escritor. «É un momento complicado», di Carlos Blanco.

Pola súa banda, Toni Garrido, produtor do espectáculo, que non conta con axudas oficiais, lembrou que Villar quixo que Carlos Blanco fose o protagonista da peza. Pero deixa aberta a posibilidade de que o seu papel sexa interpretado fóra de Galicia por outro actor, aínda que si asegura a súa presenza nas citas de Narón, Lugo, Pontevedra, Vilagarcía, O Grove e Ourense, data esta última que non está confirmada.

Tanto o actor principal como o director da obra explicaron que as funcións previstas para Madrid serán en castelán, aínda que están valorando a posibilidade de facer unha en galego.